Sokram: ''A nosa esperanza é concienciar a un de cada dez seguidores coas nosas letras''

Humanose é un virus que chegou ó planeta Terra transformado en inxustiza, violencia, discriminación, etc. O superheroe Dios ke te crew, formado por Sokram, Mou, Jamas, García e Dj Murdock, terá como misión combatelo a través das súas verbas e instrumentos musicais. Como se de trovadores medievais se tratase, irán transmitindo a súa mensaxe polos pobos galegos e foráneos para intentar mudar de parecer as conciencias das súas xentes e para evitar que está enfermidade benévola continúe a súa propagación. Nunha parada da súa viaxe tivemos a oportunidade de falar cun dos compoñentes desta formación musical, con Marcos, tamén coñecido como Sokram, para que nos contase de primeira man os segredos deste último traballo.

Pregunta: Desde Xénese a Humanose pasaron cinco anos. Despois deste periodo de tempo, ¿foilles moi complicado preparar o segundo álbum?
Resposta: Non, tomámolo con bastante calma xa que non estivemos os cinco anos centrados no disco, pois fixemos outros traballos. Por exemplo, algúns adicáronse a facer proxectos máis persoais como o caso de Mou, o noso produtor, que sacou un LP en solitario, ou a realizar colaboracións con outros grupos.

P: Compoñer unhas letras tan traballadas ten que ser un proceso complexo, ¿fano entre todos?
R: É un traballo en equipo, aínda que o modo de facer depende un pouco do tema. Nun principio, cando temos unha idea, traballamos coa música e coa letra. Pero non é un proceso pechado, senón que é algo aberto. Normalmente cada un escribe a súa letra pero, outras veces, facémolo entre todos.

P: Defínanos que é Humanose.
R: A enfermidade intrínseca da especie humana. Visto desde o anel de Saturno sería o virus que está infectando o planeta Terra, co que nos estamos automutilando a nós mesmos. Trátase dunha autocrítica.

P:¿Como xurdiu esa idea?
R: Está inspirada na obra Humanose [Humanosis, en castelán, aclara] dun artista galego, amigo noso, chamado Likem e que despois se trasladou máis ou menos o noso disco, da man del e Sekone. Este último é un artista de Vilagarcía de Arousa que colabora con nós nos directos facendo graffitis e tamén o fixo no deseño do anterior traballo.

P: Humanose está cheo de colaboracións de diferentes profesionais Miguel de Lira, Gilbert Carballo, Ligen e Sekone... que participaron tanto nas cancións coma no deseño da carátula. A simple vista parece un disco moi coidado.
R: Nos quixemos esmerarnos o máximo posible tanto coa música, coas letras, como nas colaboracións, coas que intentamos darlle unha parte máis humana. Tamén, o trasladamos á parte gráfica, onde queríamos reflectir unha simbiose entre a música e a imaxe, onde todo está ben definido; aínda que cada canción teña o seu universo.

P: Neste traballo cambiaron un poco o estilo musical introducindo sons eléctricos. ¿Xurdiu de xeito casual?
R: Non é que se fixera algo novo, o rap á fin é ao cabo é música electrónica, ten unha base analóxica xa sexa de samples doutras  bandas ou ben secuenciada con aparellos electrónicos ou con programas informáticos. Si que é certo que hai temas que teñen unha base máis electrónica pero introducimos outros instrumentos ou músicos tocando. O que nos gusta é fusionar a parte humana ca da máquina.

P: Funky, blues, jazz, metal... ¿Que achega a mestizaxe de estilos ás súas creacións?
R: O noso gusto polo hip hop foinos levando a outras músicas. De feito, o rap bebe de toda a música negra: do funk, do rock, do soul... Nós escoitamos diferentes estilos, non só nos centramos no rap. E de ahí ben o son final do noso disco.

P: Nos directos, ¿son dos grupos que improvisan ou dos que preparan cada detalle ao milímetro?
R: Somos da segunda opción, de preparar os directos máis ao milímetro. Ás veces improvisamos e facemos unha cousa a maiores da que temos preparada pero depende do día ou da conexión que haxa co público. Pero o ser tanta xente, un dj, os grafiteiros, os integrantes de Machina, o técnico de luz, o de son… conleva que o show teña que prepararse máis premeditadamente.


XÉNESE, HUMANOSE E 'METAL'
P
: ¿Adaptan a posta en escena ao lugar de actuación?
R: Si, por suposto porque non en todos os escenarios se pode facer o mesmo espectáculo. Nesta xira estamos acompañados pola banda de Machina. Pero en ocasións non se deu o caso porque o escenario non reúne as condicións, é moi pequeno e non collemos todos.

P
: ¿Que achega Machina a este disco?
R
: Das colaboracións que hai no LP, son os que máis participaron. Nos temas de Benvido a Mordock e Rebenta!, o baixo, a guitarra, a batería e a voz pertencen a Machina. O que lle achega é a parte 'metal' e, nos directos, conséguese un in crescendo ao levar unha banda detrás. Nós empezamos coas bases de Mou, o noso produtor musical, e despois entra a banda de músicos, que seguimos tocando con instrumentos analóxicos e con bases instrumentais-electrónicas.

P: A súa incorporación, ¿foi algo que xa tiñan preparado de antemán? ¿Xa se coñecían antes ou foi máis ben por gusto musical?
R: Foi por ambas as cousas. Coñecémonos desde que íamos ao instituto porque eles son veciños; viven nunha vila preto de Cerceda. Ademais, tamén foi por afinidade, xa que Machina non fai rap pero si un estilo musical moi cercano ó noso. Outra das razóns, foi a casualidade, hai un ano e pico organizaron unha serie de concertos na sala Nasa, nos que unha banda podía traer convidados e nos dixémosllo os membros de Machina para facer un show con eles. Como saiu tan ben e nos gustou a todos foi cando comezamos a gravar eses temas e, a partir de ahí, decidimos que nos nosos directos de Humanose iríamos acompañados da banda.

P
: Un grupo consolidado, que tivo a oportunidade de masterizar o disco en New York, non atoparía moitas trabas á hora de tocar ou de vender discos...
R: Non, a pesar de que o disco saiu un pouco tarde, a mediados de xullo,  e non é unha data moi recomendada para o seu lanzamento ó mercado, atopamos boa resposta por parte dos festivais e dos axentes que organizan concertos.

P
: Agora botemos unha ollada ó pasado. Dios ke te crew naceu da unión de Ghamberros e boa parte dos compoñentes de 5 Talegos. Pero, ¿de onde viñeron eses apodos?
R: Depende un pouco do caso [risas]. Por exemplo, no caso de García é o seu apelido. E no de Mou, o mesmo, xa que se apelida Mourón. Jamas, vén de Jamaica; ese é un pouco máis complicado de explicar… [risas] Empezárono a chamar así uns amigos cando era máis cativo; Dj Murdock porque ten unha personalidade un pouco excéntrica e, eu, Sokram, é Marcos ó revés, que o meu nome real. Pero con este apodo firmaba os meus graffitis. A unión foi algo casual e natural porque éramos amigos e ensaiabamos no mesmo local.

P: Con Humanose, quedarían limadas as impurezas do anterior traballo, en canto a son, deseño...
R: Si, intetamos pulir as letras, facer unha estrutura dos temas que se queren tratar, que di cada un para non repetirse… Nese sentido, comémonos máis a cabeza que no anterior traballo, que foi máis espontáneo.

''INTERNET É PATRIMONIO DA HUMANIDADE''
P
: Humanose está cargado de temática social. ¿Son críticos coa sociedade actual?
R: Si, cremos que é así como está este mundo; tristemente é a realidade que vivimos e, en moitos aspectos, a sociedade, pódese dicir que está nun proceso de declive, de deshumanización. Estamos vivindo unha crise económica que nos está abocando a que cada vez os dereitos sociais e esa sociedade do benestar que tanto nos venden, sexa máis ficticia; e esa democracia na que pensamos que vivimos non existe, xa que todo o mundo sabe que quen goberna este mundo, son as grandes coorporacións. E isto é o que se formula nalgúns dos nosos temas.

P
: Ante esta situación. ¿O futuro da música tamén se ve negro?
R: Non, nese aspecto non coincidimos con esa visión de que a música se vai a acabar, de que a industria discográfica está indo ao tacho…É un feito sesgado da realidade. Nós cremos que compartir información é un dereito. Internet, o coñecemento, é patrimonio da humanidade. Os músicos viven de ir tocar e non coma algúns, que queren seguir perpetuando ese sistema, que levan chupando do bote de catro cancións que triunfaron nos anos 70 polos dereitos de autor que xeneran cada vez que saen na radio, na tele, etc. Nós non é que esteamos en contra de vender os nosos discos pero si queremos compartir a música. Estamos no noso dereito e se alguén non ten a economía como para mercar o disco e un colega del llo quere pasar estamos totalmente de acordo. Por iso, utilizamos as licencias creative commons en moitos dos nosos traballos.

ESPERANZA
P: A vosa ferramenta é a palabra pero como ben anticipades en Ollo ó parche, estamos ante unha sociedade de control. ¿A censura está por enriba da información?
R: Claro que si, os medios de comunicación das grandes axencias de comunicación, que marcan opinión, están a ser controlados por seis ou sete persoas. En realidade, están abocados a seguir unha liña editorial xa que se tratan de grandes corporacións que non teñen na súa man só medios de comunicación senón que están ligadas a outras empresas. Isto significa que a información que nos chega por parte dos medios, a maior parte, tampouco quero meter a todos no mesmo saco porque hai excepcións, non nos chega de xeito casual.

P: Seguindo nesta liña, en Humanose alertades da posible apocalipse. ¿Tedes unha pequena esperanza de que as vosas verbas non caian en saco roto?
R: Aos axentes culpables desta situación radicalmente non [risas]. Pero si a unha parte da poboación que nos escoita á que lle facemos pensar en algo que non o que fixera, e que cambia a súa opinión e actúa doutra maneira e se manifesta ante esa realidade imposta. Temos a esperanza de que se conseguimos concienciar a un de cada dez, xa é algo. Outra cousa é que nos creamos que o noso disco vai a cambiar ó mundo, que é algo que non vai a facer pero se sirve para algo, aínda que sexa para pouco, dámonos cun canto nos dentes.

P: As orixes desta historia comezaron con Xénese, o voso debut de presentación. Agora o capítulo observáse un pouco máis acedo con Humanose. ¿Haberá unha terceira parte?
R: Si, iso é o que temos pensado, que haxa continuidade. Se todo vai ben faremos outro disco pero non sabemos aínda cando porque agora estamos centrados na xira de Humanose durante este inverno e o verán que vén.

      P: ¿Podería recomendar un disco aos lectores?
      R: Vou recomendar a un artista de rap, e non un dos seus discos porque ten varios e todos son excelentes, que se chama Lyrics Born.

      P: ¿Cal foi o concerto da súa vida?
      R: Rage Against the Machine é unha banda de rap metal que veu a dar un concerto a Lisboa a un festival e non os vira nunca; estiveran uns anos sen tocar e logo derán unha xira por toda Europa.

      P: ¿Pro SGAE ou anti SGAE?
      R: Anti SGAE porque enganan á poboación facendo demagoxía para seguir lucrándose de maneira ilegal.

      P: ¿Algunha noticia, máis ou menos recente, do panorama musical que chamase a súa atención?
      R: Alegreime moito cando entrou a Garda Civil na sede da SGAE [risas].

Comentarios