"Sería un fin de ciclo igual de xusto se non houbese premios"

O cinesta Jorge Coira e Pepe, o seu irmán, recibiron o recoñecemento nos Forqué á mellor serie de televisión por Hierro. Nos próximos meses estreará Rapa e o filme Código Emperador
Jorge Coira. EP
photo_camera Jorge Coira. EP

Na pasada gala dos premios Forqué o nome de Hierro púidose escoitar dúas veces: ao recoñecela como mellor serie e ao galardoar a Candela Peña como actriz protagonista. Pero sobre o escenario de Ifema non estaban os irmáns Coira, mentes e autores tras o exitoso formato.

Os rabadenses atópanse inmersos en proxectos como a súa nova serie, Rapa, e Jorge Coira, en concreto, tamén agarda pola estrea do seu novo filme Código Emperador.

Hierro aínda vive, pese a ter rematado tras dúas temporadas, porque nos premios Feroz acumula outras tres candidaturas.

"Sería un fin de ciclo igual de xusto se non houbese premios", alega Jorge Coira, agradecido tras os Forqué. "Os galardóns non son actos de xustiza e, de feito, non agardaba este torrente deles, nin na primeira tempada nin nesta segunda. Quizais por protexerme tamén".

Dubida uns intres, e aclara: "Recibimos os premios pola primera tempada pero, na segunda? Nin o esperaba, sinceramente, e menos nun momento onde hai tantas producións e tan boas".

Non pecha as portas de "Hierro" pese a atoparse inmerso noutros proxectos. De feito, Coira recoñece que "pode ter sentido retomalo dentro dun tempo porque, ademais, atráenme os proxectos que saian do formato".

"O curioso é, segundo estatísticas e estudos reais, que en lugares onde non hai grandes delitos habitualmente, cada certo tempo acontece un crime. A policía prepárase de antemán para isto", explica. "Por iso tería sentido".

Coira non lle teme ás odiosas comparacións entre "Hierro" e os seus próximos proxectos, "non lle podo facer nada se o comparan", e só pensa en deixalo "todo apretado e que teña chicha".

Non será o caso de Código Emperador, "un thriller con estilo moi diferente", pero Rapa, polos elementos de misterio e natureza que a compoñen, pode continuar a estela de Hierro.

"O ambiente define todo o proxecto, define personaxes, define escenarios. Ubicala no sitio correcto é clave, pensando nun lugar que teña unha relevancia e non pase sen pena nin gloria", explica Coira.

Recorda o director rabadense que "a rodaxe foi dura" na illa. Garda na memoria un día de gravación da primeira tempada.

"Viaxamos primeiramente a rodar de xeito documental La Bajada de la Virgen como información. Logo reproducimos iso cos actores e o clima volveuse tolo. Nun mesmo día, néboa cega e un sol abrasante. Tiña previsto escenarios con tempo diverso, pero aínda así houbo que improvisar", recorda Coira, a quen lle choveu no primeiro día de rodaxe "cando alí nunca nos chovera antes".

"Hierro traballámolo ben. Fun un mes á illa empaparme e beber de todo iso, do real, coa miña muller, Araceli Gonda, que tamén é guionista. Foi unha gozada", sentencia cun sorriso na voz.

Comentarios