Samuel Diz: "Tino Prados era fumador e dinámico, pero a súa música é melancólica"

O músico interpretará este sábado na Casa de Manuel María en Outeiro de Rei cinco pezas para guitarra que atopou investigando no rocho do compositor lucense
Samuel Diz e Faia Díaz miran unha composición de Tino Prados na Casa de Manuel María. POLIÉDRICA
photo_camera Samuel Diz e Faia Díaz miran unha composición de Tino Prados na Casa de Manuel María. POLIÉDRICA

Samuel Diz (Tui, 1986) estudou guitarra en Sevilla e Barcelona. "Preguntábame por que nunca estudara unha peza composta en Galicia. Non había case nada". Soubo da revista Guitarra, Vihuela e Laúde, que tivo un certo peso no seu ámbito nos anos 80, "unha sede en cada provincia e á que estaba vencellado Tino Prados". Prados (Lugo, 1924-1981) era o chamán da educación musical e pictórica lucense. O mesmo daba clases de debuxo que armaba  unha orquestra de guitarra.

Nun número da revista atopou unha obra orixinal de Prados, a única que se publicaría durante a súa vida, Sarita. Era unha mazurca que incluyó no disco Guitarra clásica galega, que publicou en 2012 o selo sarriao Ouvirmos.

A figura quedou na memoria durminte de Samuel Diz, que non volvería quitala a flote ata peche dictado pola pandemia, que decretou tempo para que organizase materiais que quería investigar. En Lugo, pasando follas "na hemeroteca de El Progreso" e coa axuda de Xosé María Hinojo —discípulo do compositor, descubriu ducias de reseñas que completaban un mosaico no que Tino Prados impartía "clases de música e debuxo no Círculo das Artes, nos Franciscanos, nas Xosefinas e nos Maristas, entre os anos 60 e 80". Entre os seus alumnos na liña musical cita o cineasta Pepe Coira e o editor Henrique Alvarellos. O profesor é lembrado "de xeito agarimoso, como alguén que botaba o día fumando e que os trataba con cariño e respecto".

"Prados escribía adaptacións das obras para cada persoa en concreto porque quería que calquera fose capaz de interpretar as pezas"


A maiores foi un dos fundadores do grupo artístico Los Urogallos e integrante de Rocho Musical, o  grupo que se transfomaría na Sociedad Filarmónica de Lugo. Tamén promoveu a Orquesta de Guitarras do Círculo,que debutou en 1964. "Era moi dinámico, arrastraba a todos coa súa enerxía», pero,sen embargo, «toda a súa música é melancólica". Samuel Diz engade que a carácterística das súas composicións é que "coida moito as melodías". Logo "quedan na mente, son orgánicas e naturais".

O pulo do confinamento levou o investigador a Lugo, onde a familia de Tino Prados lle abriu o acceso a un rocho onde gardaba partituras, cartas e fotografías. "Foi emotivo despois de tanto tempo buscando unhas composicións que sabían que existían, pero que non sabía onde estaban; era como arqueoloxía", recorda Diz, quen confesa que a ilusión "de atopar todo o que se conserva» chocaba coa leve angustia de "pensar en todo o traballo que queda por inventariar".

No que responde á música, explica que o músico lucense gardaba, "moi ordeadas", composicións propias e arreglos de composicións doutras persoas. Hai que sumar "as adaptacións que facía para que cada persoa pudiese tocar a peza, poñía Versión para... e o nome".

MANUEL MARÍA. Tino Prados musicou os poemas Soio na noite de Manuel María e O camiño do monte de Uxío Novoneyra, que responden ao seu espírito nostálxico. Ambas obras foron gravadas na Casa de Manuel María en Outeiro de Rei dentro de Músicas inéditas en casas literarias, que é un proxecto de análise e divulgación do patrimonio musical galego para guitarra.

Volve á casa museo o sábado ás 20.00 horas nun concerto no que participarán Samuel Diz e Faia Díaz.

comentarios