Larraitz Urruzola: "Saio renovada cando fago espectáculos con cachiporra"

Marchou dunha rebotica e descubriu os títeres. Conta o proceso en ‘A festa dos monicreques’, que se representa este sábado no Alfar do Muíño, en Mondoñedo
Larraitz Urruzola durante una actuación. EP
photo_camera Larraitz Urruzola durante una actuación. EP

A festa dos monicreques é un espectáculo no que Larraitz Urruzola percorre a súa experiencia coas marionetas.

De que vai ese espectáculo? 

Falo dos referentes da tradición, dos xoguetes, dos nenos que fan bonecos de herba trenzada cando van cos pais traballar no campo, por que uso un monicreque ou outro segundo o espectáculo. Uso as marionetas dun espectáculo sobre Rosalía de Castro. Son Rosalía de nena e de adulta en bonecas de porcelana cun mecanismo para os brazos e as pernas porque son as que tiñan as clases pudentes. Recito poemas de Rosalía. Presento o traballo da Asociación Morreu o Demo, sobre o que supuxo Barriga Verde. É un espectáctulo para todos os públicos. 

A súa avoa tiñan unha farmacia en Tolosa. 

Viñen a Santiago para estudar Farmacia en 1983. A miña intención era facer a carreira, pero fun a un curso e empecei a traballar con Títeres Cachirulo. Despois fundei a miña compañía, Buratini, e veu a miña irmá Mirari traballar comigo. Despois fomos cada unha pola súa banda. Eu fundei unha compañía co meu nome porque estiven en moitas e era máis fácil de identificar. 

Familia de farmacéuticos. Que dixeron os seus pais cando souberon que dúas fillas ían dedicarse ás marionetas. 

Son marabillosos. Nunca nos dixeron nada. Cando acabei o Bacharelato tiña necesidade de escapar e pensei en que podía estudar que non houbese no País Vasco: Farmacia. Santiago era unha cidade moi interesante en 1983 con todas as tribos urbanas,cos punks, os rockabillies, os new age. Cando estaba en Tolosa ía a concertos en casas okupadas, facía dedo para ir a concertos de Parálisis Permanente. 

Pero foi en Santiago onde descubriu a vocación teatral.

Fun a un obradoiro con Cachirulo e volvín a esa afección. Facía teatro no colexio en Tolosa. Alí aínda non se creara o festival de monicreques. Deixárao sen saber por que. Colaborei con moitas compañías, como o histórico Kukas ou Fantoches Baj, cos que aínda colaborei este ano.

Como foi o ano?

Dende que entrou a pandemia mal. Non tiven moitas actuacións. Entroume o pánico cando vin o calendario baleiro. Estiven traballando en proxectos da Asociación Morreu o Demo e preparando a nova estrea, Fábulas da montaña, que é o único libro para nenos de Concepción Arenal. A idea era homenaxeala polo aniversario dos seus 200 anos dende o nacemento. Tras a morte do seu pai ela marcha ás montañas de Araño, en Cantabria. Eu vístome de Concepción Arenal cunha saia na que aparecen os animais dos que se falan no libro. As súas historias van mesturándose coa biografía dela.

Rosalía, Concepción Arenal, Pardo Bazán,... Monta obras con protagonistas femininas. 

Montei O crebacabezas, na que a protagonista non é unha muller aínda que eu son a narradora. Non había outra. Nas seguintes si que son mulleres. Na obra sobre Rosalía usamos actualizacións sobre a súa biografía e entrelazamos iso coas palabras delas. 

Por que Rosalía? 

Porque é irrenunciable, polo fondo humano que ten. É motivadora como artista. Os meus pais viñan de viaxe a Galicia e ían á Casa da Matanza. O meu pai sabía de memoria versos de Rosalía. 

Era o centenario de Pardo Bazán. 

Facer visitas guiadas ao Pazo de Liñares, en Lalín, onde ela pasou un tempo, foi unha encarga de Fantoches Baj. Eu fago de Emilia Pardo Bazán e tamén represento con marionetas un conto seu. 

Converte Barriga Verde nunha muller. Caracterízaa coma pícara e cantareira. É unha institución do teatro de fantoches en Galicia, especialmente en Lugo. Como tomou a profesión ese cambio? 

Non houbo ningún problema. O cambio foi ben acollido. Nunha mesa redonda da Asociación Morreu o Demo sobre monicreques populares anunciei que ía facelo desde unha perspectiva feminina e me animaron. Cando fago de Concepción Arenal son máis solemne, fago un teatro máis serio e reflexivo, e cando fago de Dona Barriga Verde son máis gamberra; non hai un texto, hai unhas consignas e pautas. Cando fago teatro de cachiporra saio renovada. Pero disfruto coas dúas pezas. 

A reacción en Sarria foi distinta. Criticouse a violencia. 

Non se entendeu. Usaron esa obra para criticar ao Concello. Foi programada en moitos lugares. Tivo unha boa acollida en todos menos en Sarria. 

O teatro de marionetas actual tivo moitos cambios con respecto ao tradicional? 

Non cambia. Hai unha tradición que se vén transmitindo dende hai 500 anos cos polichinelas. A familia Silvent son os que a traen a Galicia a principios do século XX con Barriga Verde. Unha póla da familia estableceuse cerca de Ribadeo.
 

Comentarios