"Sáeme falar do apoio que nos damos as mulleres, de como medrar xuntas"

A xornalista lucense Nazaret López presentou este sábado, nun acto moi emotivo con Luz Darriba na libraría Trama, as súas dúas primeiras novelas, 'Pecados veniais' e 'Formigas nos pés'
G
photo_camera Nazaret López, en Lugo, co libro 'Pecados veniais'. XESÚS PONTE

Di, de Formigas nos pés (Xerais, 2019) que foi o seu "primeiro fillo literario". Un fillo que pariu poucos meses antes da pandemia, por iso non lle deu tempo a presentalo na súa cidade, en Lugo. Tres anos despois, chegou outro fillo máis, Pecados veniais (Xerais, 2022). Ao aumentar a familia literaria, a xornalista Nazaret López decidiu buscar data na axenda e cumprir este sábado co seu compromiso coa súa xente de Lugo.

O lugar escollido para a presentación destas publicacións —as primeiras de narrativa tras ter feito catorce obras para teatro e algúns relatos— foi a libraría Trama. A mestra de cerimonias foi a artista multifacética e escritora Luz Darriba, que tamén estivo acompañada de Amparo Tejeda, profesora de Literatura. Participou, ademais, un dos irmáns de Nazaret, Javier María, que aportou a nota musical a uns textos lidos pola xornalista.

"Pecados veniais é un conxunto de relatos encadeados nos que o final de cada un dá título ao seguinte. Cada relato ten a unha muller como protagonista e estas mulleres son os fíos que unen un relato con outro. No último relato, acaban confluíndo todas as mulleres, das que se coñece que foi das súas vidas", explica a autora.

En total, son trece as protagonistas destes relatos ou desta novela. "É difícil situar a obra nun xénero en concreto porque non son relatos independentes uns doutros nin tampouco hai unha trama única, pero si se entremesturan as personaxes", di Nazaret López sobre Pecados veniais.

As protagonistas son mulleres pero a súa obra vai dirixida a calquera xénero. "Son mulleres porque me sae falar de nós, do apoio mutuo que nos damos, a sororidade. De como podemos medrar xuntas e superar obstáculos", explica a autora.

Pecados veniais pon sobre a mesa distintos temas sociais a través da ollada feminina como, por exemplo, a morte digna, a  pertenza a un grupo, os desafiuzamentos, a elección de ser nai, o acoso laboral, a desvalorización do éxito nas carreiras das mulleres ou os abusos sexuais na Igrexa a nenas e mulleres adultas. "Hai moito no libro de situacións que eu vivín ou observei. Hai moita verdade e mentira á vez", di.

Todas estas historias —algunhas delas rescatadas dun caixón despois de ter sido escrita hai quince anos— teñen un denominador común: que cada unha das  protagonistas comete un pecado por verse en circunstancias que a desbordan. De aí, o título: Pecados veniais. "Moitas veces estes pecados son erros que che producen culpa pero tamén son un acicate para a posterior liberación", apunta a xornalista lucense.

Nazaret López afirma que, malia a escribir toda a vida en medios, é unha "escritora serodia" que comezou a publicar pasados os 60. "Non lembro querer ser outra cousa que escritora. Sempre me tirou e tamén sempre foi o que me deu máis medo. Pero penso que esta é a mellor herdanza que lle podo deixar ao meu fillo porque demostra que se desexas algo e vas superando os atrancos, podes chegar ao teu obxectivo. Non hai idade para alcanzar un soño que pode estar aí décadas!", conclúe.

Comentarios