Sae á luz unha carta inédita de Rosalía de Castro

É unha misiva dirixida a José Villaamil e Castro, datada entre 1865 e 1866
Imagen de Rosalía de Castro con un poema suyo. EP
photo_camera Imaxe de Rosalía de Castro cun poema seu. EP

A Fundación Rosalía de Castro anunciou este xoves que o número catro da revista de estudos rosalianos Follas Novas incluirá unha carta inédita de Rosalía de Castro dirixida a José Villaamil e Castro, amigo e colaborador do seu esposo, Manuel Murguía, datada entre 1865 e 1866.

A misiva de Rosalía a Villaamil. FUNDACIÓN ROSALÍA

"O repertorio de cartas que conservamos é moi escaso, así que cada cousa nova é importante; a aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia por descubrir, aínda que boa parte é seguramente xa irrecuperable", explicou o presidente da fundación, Anxo Angueira.

Deste xeito, esta carta pasa a sumarse ás 16 xa coñecidas da escritora e figurará xunto a un artigo de Angueira na revista de periodicidade anual Follas Novas, cuxo cuarto número será presentado este venres ás 20.00 horas no Pazo de Lestrove, en Dodro (A Coruña).

Na carta, Rosalía refírese ao uso do chapeu ou da mantilla nas obras de teatro, unha cuestión que, segundo Angueira, "non é baladí", xa que "non é só moda, é tamén política", tendo en conta que a mantilla "está ligada ao tradicionalismo" e o chapeu "á apertura e o afrancesamento", polo que a súa decisión de ir "a pelo" era "unha acción ideolóxica moi clara".

"Non vou nunca ao teatro", admite tamén Rosalía de Castro na misiva, unha afirmación que, vindo dunha persoa que "foi actriz amadora, tanto de moza como de casada", sorprendeu ao presidente da fundación, quen entende que talvez se refira a que o Teatro Principal daquela época non era do seu interese".

En todo caso, a misiva suxire que en 1860 "continuaba coas súas relacións co Liceo de la Juventud", de modo que Angueira "volverá revisar a súa relación con el e co teatro".

"Murguía non está en casa e tómome a liberdade de contestar"

Por outra banda, Angueira subliña que a carta, na que Rosalía escribe "porque Murguía non está en casa e tómome a liberdade de contestar", demostra "ata certo punto a súa autonomía e que, con toda seguridade, mantiña relacións autónomas". "Aínda que a relación era entre Murguía e Villaamil, Rosalía ten un xesto de amabilidade e de querer abrir esa relación ao conxunto desas dúas parellas", resolveu.

En paralelo a esta carta, a revista ofrece en varias das súas seccións unha homenaxe a Carvalho Calero, "un dos grandes estudiosos da vida e da obra de Rosalía", entre outros artigos asinados por Teresa López, Xurxo Martínez ou Victorino Pérez Prieto, entre outros.

Comentarios