Sabina e Serrat abrirán as Festas do Apóstolo

Os cantautores Joaquín Sabina e Joan Manoel Serrat abrirán as Festas do Apóstolo cun concerto conxunto na Praza do Obradoiro o vindeiro 14 de xullo, un día despois da lectura do pregón. As entradas para o espectáculo puxéronse á venda hoxe na web de Caixa Galicia a un prezo de 30 euros, segundo informou a organización.

A xira conxunta de Serrat e Sabina, 'Dos pájaros de un tiro', recalará en Galicia en dúas ocasións, segundo o programa previsto: a primeira será o día 14 na capital galega, e tres días despois, na Praza de Touros de Pontevedra.

Prato forte
O xerente de Cávea Produccións, Ramón Barros, indicou que o concerto que ofrecerán ambos músicos no Obradoiro será "un dos platos fortes" das Festas do Apóstol, xa que previsiblemente congregará a unhas 10.000 persoas. As estimacións de Barros baséanse no éxito da última experiencia con Sabina na Coruña, que convocou a dez milleiros de persoas no Coliseum.

Segundo a organización, os dous artistas cantarán tanto por separado como xuntos no escenario. Está previsto que Serrat poña voz ás cancións de Sabina e que este reinterprete algúns temas clásicos do catalán.

O compositor de '19 días y 500 noches' e o de 'Mediterráneo' actuarán xuntos por primeira vez, tras suspender un concerto no ano 2001 no Palau de Sant Jordi de Barcelona. Sabina, de 58 anos, e Serrat, de 64, repostos dos seus respectivos achaques, emprenden o día 29 de xuño en Zaragoza a súa primeira xira en conxunto, 'Dos pájaros de un tiro', que os levarán por 30 cidades española e 20 latinoamericanas ata finais de ano.

Comentarios