"Rosario Dúrcal sempre facía tres temas en galego nas actuacións polo mundo"

O director da Semana de Cine de Autor de Lugo presentou a biografía desta actriz nacida na cidade que triunfou en México

Presentación do libro de Manuel Curiel sobre Rosario Dúrcal. SEBAS SENANDE
photo_camera Presentación do libro de Manuel Curiel sobre Rosario Dúrcal. SEBAS SENANDE

Manuel Curiel a piques estivo de desistir, polo laborioso da investigación, pero finalmente pode ver impresos os mil exemplares de tirada da biografía sobre a actriz e vedette luguesa Rosario Dúrcal, unha estrela en México. O libro foi presentado este venres na xornada de clausura da Semana Internacional de Cine de Autor (Sica), ante a mirada orgullosa do fillo da intérprete, Luis Xavier Cavazos Sanz, chegado de México para a ocasión.

Rosario Dúrcal, filla do teniente coronel Luis San Rey e da pianista Tilka Rey, naceu na Ronda da Muralla de Lugo en 1927. A familia procedía da Coruña -de feito, estaban emparentados co tamén actor Fernando Rey, pero o pai estaba destinado no cuartel de San Fernando de Lugo.

Curiel soubo de Rosario Dúrcal grazas a Paco Rivera e, nunha pescuda hemerográfica de case un ano na Biblioteca de Lugo, compilou as referencias que dela se publicaran en El Progreso de Lugo co gallo das súas visitas á cidade, xa cando era unha estrela consolidada en México. "As fotografías son de Vega e os textos, de Manuel López Castro, Maloca". Nalgunha das visitas, a intérprete acodeu acompañada polo seu fillo Luis Xavier, daquela un neno e hoxe un actor coñecido que deixou por uns días unha xira para renderlle tributo á súa nai e mentora.

Ademais de ser unha muller de cine, Rosario Dúrcal actuou por escenarios "de América e de todo o mundo"

Tamén lle está especialmente agradecido á colaboración que atopou para seguir as pegadas de Rosario Dúrcal no persoal da Delegación de Defensa en Lugo e do Archivo General Militar de Segovia, do Rexistro Civil nos Xulgados de Lugo e no bispado lugués.

Comenta Curiel que o pai de Rosario, o teniente coronel San Rey, foi "fusilado en Paracuellos, durante a Guerra Civil". Na década seguinte á fin da contenda, en 1947, a moza Rosario, de 21 anos, e a súa nai, cruzan o charco. "Saíron en barco desde Santander porque á rapaza lle saíra un contrato para actuar en Bos Aires".

Foron uns principios en América que consolidarían co tempo unha exitosa carreira, sobre todo en México, onde Rosario adoptaría o apelido artístico de Dúrcal e cadaría o selo de gran dama das artes, grazas a unha imponente presenza escénica e as súas aptitudes como actriz e cantante.

Preguntado por se a luguesa influíu en que, anos despois, María de los Ángeles de las Heras Ortiz adoptase o alias de Rocío Dúrcal, Manuel Curiel amósase prudente. "Non quero meterme niso, pero polo que teño lido e observado, podería dicirse que si. Rosario Dúrcal interpretou case que unha década antes ca Rocío a película "Las Leandras" [que onte se proxectou na Sica de Lugo]; as cancións son as mesmas, pero a presenza interpretativa dunha e da outra...".

Ademais de ser unha muller de cine, Rosario Dúrcal actuou por escenarios "de América e de todo o mundo" como cantante e nunca esquecía incluír no seu repertorio tres pezas en galego. "Imaxina o que tiña que ser iso naquel tempo no teatro Colón de Buenos Aires, en Uruguai ou no mesmo México, que estaban inzados de emigrados e exiliados galegos".

A biografía de Rosario Dúrcal, "alguén esquecida malia que morreu en 1993, non hai tanto tempo", é xa unha realidade en papel. A Sica editou unha tiraxe dun milleiro de exemplares en papel e poñerá tamén en internet á disposición dos investigadores, afeccionados ao cine e curiorosos senllas versións dixitais en galego e en castelán.

Comentarios