Rodrigo Cuevas: «Por que non se vai facer reggaeton con letras e ritmos de aquí?»

O artista asturiano chega co espectáculo 'El mundo por montera' ao escenario do Clavicémbalo de Lugo ás 24.00 ► Nesta proxecto musical e escénico anova o folclore con letras revisadas, mesturas con outros xéneros, cabaret e humor

Rodrigo Cuevas, en estado Puro. KIKE LLAMA
photo_camera Rodrigo Cuevas, en estado Puro. KIKE LLAMA

LUGO. Se unha señora que ía ás foliadas nos anos 20 nacese agora, probablemente faría algo moi similar a Rodrigo Cuevas. Sen preocuparse polos límites da moralidade, disfrutaría bailando electro cuplé e reggaeton muiñeira. O concerto de Cuevas é para todos aqueles que lles gusta o folclore, e tamén para os que non lle interesa en absoluto.

«A función do folclore é facer música de baile», defende o artista. E, se hoxe en día son a cumbia ou o reggaeton os que serven para isto, «por que non facelo con ritmos e letras de aquí?». Cuevas colle o folclore e lévao a cadencias electrónicas, xúntao co cabaret, alíñao con humor e déixao á improvisación.

O Freddie Mercury asturiano está cargando instrumentos no coche mentres falamos por teléfono. Despois de oito anos vivindo en Galicia, mudouse a unha aldea de Piloña (Asturias) e dá clases de percusión nun lugar veciño.

A música tradicional coñeceuna en Galicia. «Para min foi un flipe descubrir a música tan arcaica e tan viva das señoras», di. A formación de Rodrigo comezou en Barcelona, estudando piano no conservatorio. Alí entusiasmouse coa percusión nun concerto de Coetus. Despois namorou dun galego e foi vivir á Lama pontevedresa.

Dos anos que estivo nesta aldea quédalle unha leve gheada e bos recordos. «Xunto con Davide Salvado e Xandre Outeiro, comezouse a formar unha cousa moi guapa de ruadas e clases de pandeireta coas señoras».

Mercedes Peón, Baiuca, Os Gru, Igmig ou Projecto Trepia son exemplos que cita para dicir que «en Asturias, Galicia é un referente, tedes moito camiño feito». Tamén por festivais como o Agrocuir de Monterroso.

«O tradicional é cantar cousas que che inflúan no momento no que vives», asegura. Por iso, as súas letras mesturan o cancioneiro coas que escribe el. «Eu fago unha cousa folclórica dende o presente, non fago unha recreación».

O humor é outra parte importante do espectáculo que, curiosamente, nace dun momento de dor. Foi en Santiago, con La Dorolorosa Compañía cando o artista superaba un «mal amor». Seleccionaron cancións de copla que falaran sobre o abandono. «Trátano dunha forma tan esaxerada que a traxedia se converte en comedia», explica o cantante.

Rodrigo Cuevas sempre admirou as persoas que fan rir aos demais. Desexaba ser coma elas. «Toda a vida querendo ser gracioso e deime conta de que, subido a un escenario, teño esa capacidade».

O aspecto performativo do espectáculo, aínda que non o pareza, nace da improvisación. «Nunca lle tiven medo ao escenario nin a facer algo mal, iso dáme moita liberdade», comenta.

Se a isto lle sumamos a creatividade, o resultado son os traxes sorprendentes do artista. «Algúns señores dinme que lles gusta moito todo o que fago, pero que non lles gusta tanto que leve saia».

Na Lama tamén aprendeu baile galego, algo que lle entusiasma pola compoñente de improvisación que ten. «En Pontevedra é algo que está moi vivo, a xente da aldea segue bailando como sempre, en Lugo e A Coruña creo que non acontece tanto», aprecia o músico asturiano.

Sóalle a alarma mentres falamos. É probable que chegue tarde ao ensaio. O último que me di é que, ademais doutra xira, o que máis desexa para o próximo ano é unha lareira.

Comentarios