Ramón Villares: "A galega é a fonte da cultura portuguesa"

O Consello da Cultura Galega ingresa como observador na comunidade da lusofonía
El presidente del Consello da Cultura Galega, Ramón Villares
photo_camera El presidente del Consello da Cultura Galega, Ramón Villares

O Consello da Cultura Galega foi admitido este martes na Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa (CPLP), durante a XI Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno da entidade, en calidade de observador consultivo. Culminaba así un dilatado proceso de tramitación iniciado en 2010 para "facer máis visible a lingua e cultura galegas no exterior", en palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.

"Dende o punto de vista personal é unha noticia moi positiva e, por outro lado, coloca a Galicia nun labor de intermediación, de proxección exterior, de presencia nos países en lingua portuguesa", insistiu Villares. O CCG é a primeira institución galega en formar parte da CPLP.

Ao respecto, o presidente do Consello da Cultura Galega Galega considerou que a inclusión do CCG na Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa ten un valor "simbólico". "Todas as institucións que están como observadores consultivos pertenecen a países de lingua portuguesa. O CCG ten por iso un valor simbólico especial, supón un recoñecemento de que existe una cultura, a galega, que é a fonte da cultura portuguesa, e así debemos ser recoñecidos no mundo lusófono", salientou.

O estatus de observador consultivo supón que Galicia poderá estar presente nas xuntanzas temáticas da CPLP, trocar información dentro desa rede de estados e entidades internacionais e servir de ligazón permanente entre a CPLP e a cultura e lingua galegas.

Ese papel de ponte permanente virá a reforzar un labor que o Consello da Cultura Galega leva desenvolvendo dende hai anos.

Xunto coa candidatura a formar parte da CPLP, presentouse un plan de traballo que inclúe actividades como diferentes mostras sobre a cultura galega que se levarán a cabo para o próximo nos diferentes países que forman parte da CPLP, aínda que polo de agora non hai datas previstas.

INICIATIVA. O Consello da Cultura Galega foi a primeira institución galega en solicitar a inclusión na CPLP, xa no ano 2010. A iniciativa foi potenciada coa aprobación por unanimidade no Parlamento Galego, durante o exercicio de 2014, da Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, en cuxo artigo número 3 sinálase que "se fomentará a participación das institucións en foros lusófonos de todo tipo".

A Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa é un "foro multilateral orientado á cooperación entre os seus membros", e foi creado en 1996. Nel participan todos os estados que teñen a lingua portuguesa como oficial e moitas outras entidades vinculadas ao ámbito da lusofonía e intereses estratéxicos, económicos, sociais ou culturais compartidos.

A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) concluíu onte en Brasilia o seu XI Cumio coa firme decisión de consolidarse como un mecanismo de concertación política e ocupar un espazo maior na escena internacional.

"Representamos nove países dos cinco continentes con preto de 300 millóns de habitantes" dixo o presidente brasileiro, Michel Temer, ao clausurar a cita desta entidade que agrupa Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e Timor Leste. Segundo Temer, eses 300 millóns de persoas de lingua portuguesa deben "expresarse cunha voz común" e sumarse aos esforzos por "construír un mundo máis próspero" e "un planeta mellor para os seus fillos".

As conclusións do XI Cumio dos países lusófonos foron envorcadas na Declaración de Brasilia, na que consta a aprobación da chamada ‘Nova Visión Estratéxica’ da comunidade. Esas novas liñas mestras da CPLP apuntan a "proseguir coa profundización da concertación política e diplomática" entre os países membros, a promover a cooperación en "todas as áreas", fundamentalmente na económica e na comercial, e tamén a renovar esforzos para a promoción da lingua portuguesa en todo o mundo.

Comentarios