A Real Academia Galega (RAG) presentou este luns na súa sede da Coruña a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, que abordará a vida persoal e a traxectoria profesional da escritora ao longo de seis episodios.
O secretario da RAG e actual presidente en funcións, Henrique Monteagudo, subliñou durante a presentación a importancia de utilizar as tecnoloxías para "achegarse ás novas xeracións" e a "figura de Xela Arias", poeta homenaxeada nas Letras Galegas 2021.
Ao acto acudiu a familia da autora. En concreto, o seu fillo, Darío Gil, quixo agradecer á Academia e ás editoriais polo esforzo que están a facer para que a homenaxe "non desluza nun ano tan complicado".
Pola súa banda, a académica Marilar Aleixandre destacou o "amor ao galego" que profesa a familia Arias, á vez que reivindicou que esta homenaxe sirva "para que no futuro máis xente lea a Xela Arias".
A serie documental está guionizada pola xornalista lucense María Yáñez, quen durante a súa intervención na presentación cualificou á autora como "rompedora" e influente para moita xente que "conectou con ela a través da súa obra".
O primeiro episodio da serie desenvólvese en Sarria, Lugo e Vigo e conta a infancia e adolescencia de Xela Arias. Xa está dispoñible na web da RAG —academia.gal— e nas súas redes sociais.
Ademais desta serie, que estreará un episodio cada martes, tamén se emitirán as micropezas Xela Arias. Onde anta a poeta. Haberá unha nova cada día, de mércores a luns, até o 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas.