A produtora Ollo vivo prepara un documental sobre Xosé Manuel Beiras

'Beira. Vivir2Veces' finaciarase a través dunha campaña de micromecenado

Xosé Manuel Beiras. OLLOVIVO
photo_camera Xosé Manuel Beiras. OLLOVIVO

A produtora galega Ollo vivo prepara un documental sobre o cofundador do BNG e Anova Xosé Manuel Beiras que se estreará na primavera de 2019.

O proxecto repasará a traxectoria do histórico político nacionalista a través dos lugares "que mellor o identifican" e das imaxes "máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas", segundo informou Ollo vivo. "Político, economista, profesor universitario, activista, músico, tradutor, viaxeiro, fotógrafo, ensaísta, conversador... Xosé Manuel Beiras é un e moitos. E, con todo, estaba pendente de abordar nun documental algo do que é e cal é a súa vida", indican os promotores de Beiras. Vivir2Veces.

O proxecto, que terá dúas partes —unha longametraxe documental e un webdoc onde os usuarios poderán seleccionar o material e acceder a ás charlas íntegras— financiarase a través dunha campaña de micromecenado que comezará nas vindeiras semanas, a través da plataforma Verkami. Logo de lograr financiamento, a rodaxe farase no verán e a estrea será na primavera de 2019 en Santiago de Compostela.

Beiras. Vivir2Veces é a primeira longametraxe de Ollo Vivo, unha produtora constituída por Pepe Coira —participou en series como Luci, Hispania, As Leis de Celavella e Mareas vivas—, Jorge Coira —director de 18 Comidas e O ano da carracha e gañador do Goya á mellor montaxe por O descoñecido— e Gaspar Broullón —produtor de Esquece Monelos e realizador de Buscando Ardebullo e De quen ves sendo?, entre outros proxectos—.

Vivir2Veces from OlloVivo on Vimeo.

Comentarios