Os Premios Martín Códax recoñecen a MJ Pérez, Wöyza e A Banda da Loba

The Skarnivals fixéronse co galardón ao mellor grupo de reggae e ska ▶ Moon Cresta gañou na categoría de rock a Banda de Chantada na de banda de música
Integrantes da Banda da Loba. RAFA FARIÑA
photo_camera Integrantes da Banda da Loba. RAFA FARIÑA

A Banda da Loba na categoría de pop e os vigueses Moon Cresta na de rock foron dous dos galardoados nos Premios Martín Códax da Música Galega, que se entregaron este mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra e que tamén recoñeceron aos buenenses The Skarnivals, na categoría de reggae e ska. "Coidemos da nosa música, pero tamén da nosa cultura e da nosa lingua, que son un tesouro", dixeron.

A moañesa Wöyza, no apartado de músicas urbanas, e o redondelán Alberto Vilas, no de música clásica e contemporánea, tamén foron premiados. Igual que MJ Pérez como cantautora, Brais Morán polo seu proxecto de blues e funk e Allova polo seu de electrónica.

Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño posando co seu premio polo seu proxecto folk. RAFA FARIÑAA gala, que se retransmitiu en directo on-line e que contou coa dirección artística de Marcos PTT Carballido, que tamén exerceu de presentador, serviu para galardoar a N.E.O na categoría de metal; María Toro na de jazz; Paco Nogueiras na de infantil –que tivo unha mención especial para a editorial pontevedresa Kalandraka, coa que publica a súa obra, e lanzou un "viva a música miúda!"–; Bafana Bafana na de verbena; o Coro da Ra –que tiña a algunhas das súas integrantes no octeto vocal que se encargou da música ao vivo no Pazo da Cultura– na de agrupación coral; Caamaño & Ameixeiras na de folk, e a Banda de Chantada na de banda de música.

O sector aproveitou a noite para apostar pola superación da pandemia "como oportunidade para dignificar a profesión"

PEDRO LAMAS. Un dos triunfadores da noite foi Pedro Lamas, que viu recoñecidos dous proxectos nos que participa: o que ten con Xurxo Fernandes, no apartado de música tradicional, e o de Lamas, De Miguel, Romero, no de músicas do mundo.

Algúns integrantes de The Skarnivals, de Bueu. RAFA FARIÑAOs Martín Códax entregaron, como acostuman, tres premios especiais, denominados Organistrum, que nesta ocasión recaeron en Mardi Gras, da Coruña, como mellor sala; no Jazz da Ría, de Narón, como mellor festival, e no programa radiofónico Recanto do Corcovado, como mellor proxecto musical.

O premio honorífico, o único xa anunciado anteriormente, foi para o produtor, compositor e técnico de son de Forcarei Pablo Barreiro, que foi mencionado por varios dos galardoados e que recibiu unha das ovacións da noite.

Como é habitual, a entrega dos premios foi aproveitado polo sector para reivindicarse. As referencias aos problemas derivados da pandemia e das restricións foron constantes.

O produtor, compositor e técnico de son de Forcarei Pablo Barreiro recibiu o premio honorífico e unha das ovacións da noite

Aspecto do patio de butacas do Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA"A superación desta pandemia ten que ser a oportunidade definitiva para dignificar a nosa profesión", apuntou Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo, asociación organizadora da gala. "Hai que aproveitar que se resetearon moitos asuntos profundos na sociedade e que se puxeron sobre a mesa outros tantos que se daban por conquistados, non só a nivel social, tamén na economía ou na cultura. É o momento de reivindicar dereitos básicos para nós que parecían inamovibles: rematar coa precariedade, conseguir a consideración de traballadoras, poder rematar a nosa vida laboral coas mesmas prestacións merecidas que as doutros sectores produtivos, poñer no foco o talento galego, crear industria e unha rede de espazos nos que actuar".

Máis de 400 proxectos musicais inscribíronse nesta oitava edición dos premios.

Comentarios