Premios aos novos talentos que agroman

O certame Xuventude Crea recoñeceu con galardós de ata 3.000 euros 53 traballos de galegos de entre 16 e 30 anos

Gala de entrega dos galardóns do certame Xuventude Crea. EP
photo_camera Gala de entrega dos galardóns do certame Xuventude Crea. EP

Como expoñentes do talento, as inquedanzas e a creatividade das novas xeracións, 93 mozos foron galardoados na nova edición de Xuventude Crea, un certame organizado pola Consellería de Política Social para recoñecer as habilidades dos máis novos.

Dos 257 proxectos individuais e colectivos presentados por 350 creadores con entre 16 e 30 anos, 53 traballos resultaron elixidos. Os gañadores dos primeiros premios recibiron 3.000 euros, mentres que os que quedaron en segundo lugar foron galardoados con 1.500, un incentivo que ascendeu a 1.000 euros no caso dos terceiros clasificados. Aínda que non tiveron dotacion económica, outros traballos foron merecedores de mencións de honra.

As 13 modalidades nas que competiron os participantes foron artes plásticas, banda deseñada, cociña, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, poesía, relato breve, skate, teatro e videocreación.

Nesta edición, Xuventude Crea contou cunha dotación de 117.000 euros, un 4% máis respecto da pasada convocatoria. Atendendo ás demandas e preferencias dos máis novos, introduciuse a especialidade de skate, una disciplina declarada recentemente deporte olímpico, que se estreará nos xogos de Tokio de 2020. Así foi que seis homes e mulleres se enfrontaron amosando as súas destrezas coa táboa de patinar.

A calidade dos proxectos presentados xustificou que o máximo galardón de fotografía fose para a canguesa Beatriz María Santos e o vigués Sergio Sueiro

A Cidade da Cultura foi este martes o escenario da gala final do certame, en cuxo marco a conselleira de Política Social, Fabiola García, louvou a tódolos participantes e subliñou que os proxectos que concorreron demostraron que "a creatividade galega ten un gran presente e un brillante futuro". Neste senso, explicou que o obxectivo central de Xuventude Crea é "recordarlle ao mundo que Galicia ten unha canteira de artistas privilexiada" e ratificou o compromiso do Executivo galego cos máis novos. "Apoiar a creatividade é unha das cousas máis fermosas que pode facer calquera goberno comprometido co futuro do seu país", salientou.

Ademais de impulsar o talento a través das especialidades que contempla, o programa Xuventude Crea dálles a oportunidade aos mozos de facer da súa arte a protagonista do cartel da iniciativa. Con esa finalidade, a Xunta impulsa un concurso previo no que, ademais de recibir 500 euros, o gañador ten a oportunidade de converter o seu traballo na imaxe principal do evento.

CONDICIÓNS. A iniciativa arrincou no 2006 e cada ano poden presentarse mozos con entre 16 e 30 anos coa condición de que sexan non profesionais, isto é, que non estean traballando nalgunha empresa vencellada á especialidade concreta na que soliciten participar ou que estean dados de alta como autónomos. Na maioría das categorías a participación é a título individual, aínda que nos campos da música, o teatro, o graffiti e a cociña tamén existe a posibilidade de competir con traballos colectivos.

No que toca ao teatro, Os Palimoquiños, unha agrupación lucense, quedou en primeiro lugar coa obra 'Así que pasen cinco anos'

O concurso abre a porta a que aqueles creadores que queiran concorrer en varias edicións poidan facelo coa condición de que non poderán repetir especialidade aqueles que gañasen o primeiro premio. Da selección dos galardoados ocúpanse comisións integradas por membros da consellería e profesionais e expertos de cada unha das disciplinas.

PRIMEIROS PREMIOS. Nesta edicion, que foi a número doce, os primeiros premios de artes plásticas, graffiti, poesía, relato breve e skate recaeron en traballos individuais de mozos, en tanto que os correspondentes a banda deseñada, cociña, deseño de xoias e moda tiveron gañadoras.

A calidade dos proxectos presentados xustificou que o máximo galardón de fotografía fose para a canguesa Beatriz María Santos e o vigués Sergio Sueiro.

Tamén foi dobre no caso da categoría de música, pois alzáronse co incentivo de 3.000 euros o grupo de Cabana de Bergantiños Oîma e os integrantes de Closer, unha formación de Negreira.

No que toca ao teatro, Os Palimoquiños, unha agrupación lucense, quedou en primeiro lugar coa obra 'Así que pasen cinco anos'.

Comentarios