Comeza a rodaxe de 'Quien a hierro mata', con Tosar á cabeza

Paco Plaza empeza este xoves a gravar en Cambados a súa nova película protagonizada polo lucense

María Vázquez, Luis Tosar y María Vázquez. CABALAR
photo_camera María Vázquez, Luís Tosar e María Vázquez. CABALAR

Paco Plaza non roda en Galicia desde Romasanta pero este xoves, 16 anos despois e en Cambados, comeza a rodaxe de Quien a hierro mata. Trátase dunha película que rodará na súa totalidade en terras galegas e que conta co lucense Luís Tosar como protagonista, que tamén participou nunha conferencia de prensa que ofreceron este mércores na Coruña.

Ademais, será a primeira cinta que dirixe que non foi escrita por el, xa que o seu autor é o galego Juan Galiñanes, que asina un traballo "espectacular", segundo Plaza. "Nunca lera un guión que me apetecese tanto facer como este", engadiu.

Quien a hierro mata, producida por Vaca Films e Atresmedia, é unha película que vira en torno ao odio e ao rancor e que ten como pano de fondo o narcotráfico galego aínda que, tal e como insisten tanto o director como o propio guionista, "este non o tema central da película, non vai sobre isto, podería ser o narcotráfico como calquera outro contexto".

Plaza cualificou como "un agasallo" poder dirixir esta película e asegurou que é un dos momentos máis emocionantes para un director: "Enfrontarte a unha nova rodaxe é como porche ante un bloque de arxila que vas empezar a modelar".

Luís Tosar, un clásico nas producións de Vaca Films, contou que Quien a hierro mata foi a primeira película que tras ler o guión dubidou "entre facela ou non; polo dura, polo heavy que me parecía a historia", dixo.

Tosar dá vida a Mario, un personaxe que, en palabras do actor, é "un ionqui do odio"

Tosar confesou que no momento no que a proposta chegou ás súas mans -"recentemente estaba a estrear paternidade"- o final da película, que por suposto non desvelou, ten moito que ver con este tema e que por este motivo lle custou tomar a decisión.

"Dubidei durante un tempo se me apetecía facer unha cousa así, se me apetecía entrar nunha viaxe emocional como o que significa toda esta historia", explicou aos xornalistas. Finalmente optou por interpretala "basicamente porque a Emma (Lustres) é imposible dicirlle que non e todos os que a coñecemos sabemos que é así", dixo en alusión a produtora (Vaca Films).

Na película que o xoves se comeza a rodar, se o tempo o permite, Tosar dá vida a Mario, un personaxe que, en palabras do actor, é "un ionqui do odio" e "un exemplo de como este sentimento pode chegar a esnaquizar unha vida".

En canto ao guionista, Juan Galiñanes, explicou que a pesar de que o odio e o rancor son os eixos centrais da película, na súa vida persoal non hai cabida para estes dous sentimentos.

Galiñanes, o guionista: "Eu recordo a imaxe dunha nai inxectándolle heroína ao seu fillo, así que de aí pode vir tanto odio na historia"

O que si admite Galiñanes é que o contexto do narcotráfico galego no que se enmarca a historia é un tema que lle tocou moi de preto, xa que el é natural de Cambados (na ría de Arousa, considerada durante anos porta de entrada da droga procedente de Sudamérica en Europa) "e o narcotráfico é algo que xera moito rancor, moita vinganza". Para o guionista, este tema "encerra en si mesmo moito odio".

"Estamos a falar dunha época na que morreu moita xente. Eu recordo a imaxe dunha nai inxectándolle heroína ao seu fillo, así que de aí pode vir tanto odio na historia", e conclúe: "Pero eu non odio a ninguén".

COMO XURDIU A IDEA? Galiñanes explica que a idea do guión naceu na súa cabeza logo de visitar ao seu avó nunha residencia: "O que vin aquel día foi só unha imaxe pero me impactou do tal xeito que despois comecei a escribir todo o demais", afirmou.

Quien a hierro mata conta cos actores Xan Cejudo, María Vázquez, Ismael Martínez e Enric Auquer.

O inicio da rodaxe está fixado para o xoves en Cambados e durante dous meses está previsto que tamén se faga en localizacións da ría de Arousa e A Coruña.

Comentarios