A poeta luguesa Raquel Vázquez gaña o premio El Ojo Crítico con ‘Aunque los mapas’

"Escribo de xente á que non lle gusta o mapa que lle trazaron", explica a lucense
Raquel Vazquez. ARCHIVO
photo_camera Raquel Vázquez. ARQUIVO

Raquel Vázquez (Lugo,1990) nunca aceptou "os mapas que nos trazan outros", ese xeito en que a sociedade ou a familia escriben o noso destino. Agora suspendeu durante meses esa carreira laboral como enxeñeira informática nunha empresa de bigdata de Betanzos e está dedicándose a debuxar o mapa do futuro que ela escolleu. Un espazo que ocupa o centro dese plano é a poesía.

Está escribindo un poemario que vai dar continuidade a Aunque los mapas (Visor), que gañara o ano pasado o premio Loewe e que foi recoñecido este luns con El Ojo Crítico que concede o programa homónimo de RNE. Cinco dos seus oito poemarios que publicou dende 2011, con 21 anos, foron galardonados, este último nun dobre recoñecemento.

"Este é un premio moi importante e faime ilusión polo xurado", indicaba este luns Raquel Vázquez en referencia a Diego Doncel, Rosa Berbel, Joaquín Pérez Azaustre e Ana Merino. "Valoro que sexan persoas que escriben porque, sendo lectores de poesía, coñecen os mecanismos dos libros".

Cando empezou Aunque los mapas, Raquel Vázquez prometeuse un poemario "menos críptico e máis social" que o anterior, Lenguaje ensamblador. Este libro fala sobre "persoas que non atopan o seu lugar por machismo ou pola alienación do mundo actual; fala da identidade de non atopar o noso lugar". A consecuencia é que conviven as persoas que "non están contentas coas súas vidas con outras que non pensan que non lles gustan os mapas que lles trazou a sociedade" en función "do que está ben visto e do que quere de nós a sociedade".

Debemos saber que "temos camiños e mapas por debuxar" unha vez superado o problema de "non saber que existía ese camiño". Ese atranco provoca que "persoas que chegan á xubilación din que esa é a vida que querían levar". A escritora percibe ese convencemento como "frustrante" máis que coma unha liberación porque "malgastaron a vida".

Raquel Vázquez pensa que a causa é que "seguiron o mapa que lles trazaron: estudar unha carreira, traballar, formar unha famiia, ter fillos e iso é todo. Cando teñen o tempo xa non teñen a saúde".

Ela ten aberta unha chea de camiño. Antes de estudar informática fixo Filoloxía Hispánica, pero non lle gustaba o mapa de ser profesora. Tamén estudou xaponés; toca a mandolina, a guitarra e o piano, e participa en carreiras populares. "Gustaríame abrir máis camiños, teño moitas inquedanzas". Outra faciana é escribir narrativa. "A ficción permíteme vivir outras vidas". Unha vida que goza en viaxes como a Xapón, pola súa "conxunción de tecnoloxía e a natureza", aínda que non lle gustan eses "trens como latas de sardiñas" no que viaxan persoas guiadas por mapas alleos.

Comentarios