"O piloto do primeiro narcosubmarino era un exboxeador normal de Vigo"

Javier Romero falou da primeira nave deste tipo capturada en Europa o venres na Feira do Libro de Lugo
Javier Romero amosa o seu libro na Feira do Libro de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Javier Romero amosa o seu libro na Feira do Libro de Lugo. SEBAS SENANDE

Javier Romero móvese dun xeito harmonioso dentro da súa chaqueta azul. Expira dun cigarro con coidado exquisito de que o fume non amole ao seu interlocutor. Romero é cronista do lado salvaxe da vida. Escribe sobre sucesos. Cubriu a desgraza do primeiro narcosubmarino capturado en Europa, o Che. Era unha historia de ambición, esperanza, escuridade, medo e fedor con tres personas e 3.000 quilogramos de cocaína que cruzan o Atlántico sumerxidas durante 27 días de novembro de 2019 nun habitáculo do volume dunha furgoneta. O alixo zarpou do río Amazonas con destino a Europa.

O xornalista reconstruíu esa viaxe en Operación Marea Negra (Ediciones B), que presentou o o venres na Feira do Libro de Lugo. Desa obra nace unha serie homónima de Daniel Calparsoro, producida pola galega Ficción Producciones.

A travesía do Che foi un plan B. "O piloto ía ser un galego que visitou o estaleiro" onde se construía o submarino "e dixo que non". Ese botar atrás indica que foi consciente 2do risco e que tiña unha posición como para dicir ‘non subo’" que lle permitía botarse atrás. O clan que promovía a viaxe buscou outra persoa. Elixen a Agustín, un exboxeador que acadara certa relevancia no ring e que viu que podía dar o golpe determinante. Javier Romero resalta o estrano.

"Era dunha familia normal de Vigo. Deixara o boxeo con 22 ou 23 anos, non tiña estudos e traballara no mundo dos karts". Aceptou o traballo. Todo correu atropeladamente. Anulou a festa do seu aniversario. Marchou para o Amazonas e, uns días máis tarde, se mete no burato flotante de metal xunto con dous ecuatorianos.

Correron os avisos de que as policías lusa e española andaban rondando. Ninguén acepta socorrelos

"Durante os primeiros días teñen bo tempo". Poden navegar en superficie e buscar o sol cos ollos pechados. A partir de aí "empezou o mal tempo", que foi tan aciago —"sufriron tres temporais"— que os meteron nunha ruta de grandes mercantes. O exboxeador era un novato en guiar narcosubmarinos, pero logrou salvarse cos seus compañeiros "grazas a súa habilidade" para evitar "por segundos un buque" que podería partir a nave en dous pola súa envergadura.

Tras unha vintena de días logran chegar a 269 millas de Lisboa, onde deben entegar a cocaína, ser rescatados e afundir a embarcación. As planeadores que debían cumprir ese cometido fallan e se desata unha borrasca que domina esa parte do Atlántico. 

Poñen en marcha outro plan B acaba dirixíndoos á Costa da Morte. Ese traslado dará tempo para os organizadores da viaxe atopen alguén que os recolla, pero xa correron os avisos de que as policías lusa e española andaban rondando. Ninguén acepta. O piloto volve á seguridade da infancia. Navegan de volta cara ao sur, a Ío, o lugar de Cangas onde o Agustín xogaba a ser boxear cos amigos durante os veráns. A policía estaba agardándoos. O expúxil busca refuxio da infancia dos vellos agostos. Agóchase nunha cabana. Resiste uns días, pero non trazara un plan C.