Perú retira un premio a un escritor acusado pola súa filla e fillastra de violalas

Os feitos remontaríanse a fai máis de 40 anos, cando vivían en Francia e eran menores de idade

O Ministerio de Cultura de Perú retirou este domingo o Premio Nacional de Poesía a Reynaldo Naranjo, acusado pola súa filla e a súa fillastra de violalas fai máis de corenta anos, cando vivían en Francia e eran menores de idade, ata que se aclare a súa responsabilidade.

Unha resolución publicada este domingo no diario oficial El Peruano retirou a distinción ao poeta peruano outorgada en 1965 pola súa obra Júbilos ata que se aclare a súa responsabilidade fronte ás graves acusacións aparecidas nos medios de comunicación.

O Ministerio de Cultura baseou a súa decisión ao amparo do artigo 1 da Constitución de Perú que establece que a defensa da persoa e o respecto da dignidade son o fin supremo da sociedade e do Estado.

Así mesmo, recordou que o Premio Nacional de Poesía, como todo recoñecemento que outorga o Estado Peruano a unha manifestación ou produción cultural, constitúe unha alta distinción ás calidades intelectuais que deben estar asociadas aos valores de respecto e defensa dos dereitos fundamentais da persoa.

A anulación do premio foi solicitada o pasado xoves nunha carta dirixida á ministra de Cultura, Patricia Balbuena, por nove congresistas: Tania Pariona, Marisa Glave, Indira Huilca, Mercedes Aráoz, Mauricio Mulder, Francesco Petrozzi, María Elena Foronda, Carlos Bruce e Alberto de Belaunde. 

Comentarios