domingo. 25.10.2020 |
El tiempo
domingo. 25.10.2020
El tiempo

"'Pangea' é un canto á diversidade multicultural do noso planeta"

Abraham Cupeiro.FORMOSELLE
Abraham Cupeiro.FORMOSELLE
O sarriao Abraham Cupeiro propón un percorrido pola paisaxe sonora do planeta no seu último disco, ‘Pangea’, gravado nos coñecidos estudios de Abbey Road coa Royal Philharmonic Orchestra, nunha experiencia que define como «espectacular» e que agarda repetir

CON CONCERTOS  xa pechados ata outubro do vindeiro ano, Abraham Cupeiro vén de sacar ao mercado neste mes de setembro o seu último disco, ‘Pangea’, no que metaforicamente une a terra a través da música con instrumentos de diferentes culturas, froito dun traballo a partes iguais de investigación e inspiración.

Como definiría o seu novo disco?

É a paisaxe sonora do noso planeta. Temos os carnés de identidade sonoros que nos van levar a percorrer o mundo nun momento no que non nos podemos mover. Creo que a palabra unión é algo que está presente no disco porque os países delimitámolos os seres humanos, pero as culturas son entenden de fronteiras, e este disco é un canto á diversidade multicultural do noso planeta.

Nesa viaxe musical, atopou referencias de Galicia en lugares que non se podía imaxinar?

A realidade cultural de Galicia é moi poliédrica. Estou preparando o seguinte disco, facendo música da India e parece que estás escoitando un gaiteiro de hai cen anos, parece que están tocando alboradas. A nosa música é un crisol de encontro de culturas. Na viaxe que fixen eu como galego intentei acercarme ás outras culturas dun xeito moi respectuoso e ó final plasmei nas miñas composicións a que me soaba cada lugar.

Como foi o proceso de composición para as pezas deste disco?

O primeiro que fas é investigar os instrumentos que hai en cada zona, que tipo de música fan. Un traballo de investigación e documentación. E logo empezas a compoñer baseándote no instrumento que che chegou. Todos os temas son meus agás o de China, que o fixo María Ruiz, e o de Bulgaria, que é compartido entre María Ruiz e máis eu. O 85% do disco é composición propia.

"Eu non me defino como musicólogo; utilizo as técnicas dos musicólogos pero logo son un artista do século XXI"

Unha combinación de investigación e inspiración....

Efectivamente. Hai un traballo de investigación moi potente e un traballo de fantasía moi potente. Eu non me defino como musicólogo, senón que utilizo as técnicas dos musicólogos pero despois son un artista do século XXI. Plásmoo como eu hoxe o vexo.

Neste traballo emprega ata 27 instrumentos diferentes.

Son instrumentos que están feitos con elementos da natureza, cabazas, cañas, caracolas… De África tocamos un xunco que nace no río Níger, que é unha frauta que só ten tres furados. De Oceanía tocamos as caracolas, de China utilizamos instrumentos de bambú, que é un elemento sagrado para eles, de Sudamérica utilizamos moito a cerámica. Son todos instrumentos que dende hai miles de anos os seres humanos atoparon moi preto deles para facer música.

E tróuxoos na maioría dos seus lugares de orixe?

Si,unhas ‘vasijas silbadoras’ que trouxen de México tívenas retidas en aduanas sete meses. Algúns chegan desfeitos pola policía que mira a ver se teñen droga.

Como consegue que os instrumentos falen, que a súa música faga viaxar a outros tempos e outros lugares?

Para min iso é un piropo moi grande, porque meu avó sempre dicía: «ese fai falar a gaita». Eu sempre intentei a través da técnica buscar un discurso sonoro para atrapar as persoas. En febreiro fixen un concerto en Finlandia e a crítica dicía que cantaba cos instrumentos. Fíxome moita ilusión porque tocar é emitir un son, pero cantar é dicir algo, transmitir algo. Aínda me queda moito percorrido, pero creo que todo sae do respecto que lle teño ás culturas. A min non se me ocorre ir a un sitio e intentar invadir coa miña cultura, senón chegar e meterme alí e aprender todo o que poda. Teño a mente moi aberta para esas cousas.

Traballa tanto con instrumentos que recrea vostede mesmo, como o karnyx, con outros que proceden da natureza e mesmo publicou un vídeo sobre como facer música cunha sinxela palliña.

Foi brutal. Chamoume a Universidade de Xenebra porque están investigando sobre o aulós grego. Eu fíxeno para fomentar o uso do galego no Conservatorio da Coruña. Fíxose viral, estendeuse por moitos países e está en galego.

Como valora a experiencia de gravar en Abbey Road coa Royal Philharmonic Orchestra?

É unha experiencia que seguramente vaiamos repetir porque xa estamos en contacto con eles para traballar. Abbey Road é famoso polos Beatles, un grupo musical incrible, pero alí tamén gravaron os mellores directores do mundo porque era un estudio de música clásica realmente. Só tardan oito minutos en chequear todo, é como unha engranaxe. De feito, o disco, lonxe de poñerme nervioso foi un gozo absoluto. Non tes que loitar coa orquestra, a orquestra lévate e tamén te escoita. Posiblemente é das cinco mellores do mundo. E logo a conexión con ela. A acollida foi espectacular.

"'Pangea' é un canto á diversidade multicultural do noso planeta"
comentarios