Pablo Devigo gaña o XX Concurso Internacional de Gaita 'Constantino Bellón'

O gaiteiro ourensán Pablo Devigo Vázquez (Castro Caldelas, 1989) foi, por terceiro ano consecutivo, o gañador da XX edición do Concurso Internacional de Composición e Gaita Galega "Constantino Bellón", un dos certames máis prestixiosos desta disciplina que convoca o Ateneo Ferrolán.
 
A final do concurso de gaita celebrouse este mércores á noite no teatro Jofre con oito participantes en liza e a decisión do xurado deuse a coñecer este xoves a través dunha nota de prensa.
 
O xurado, formado por Víctor Fernández Gabeiras, Xabier Rodríguez Fariñas, Pablo López Torneiro e Xoán Rodríguez Silvar, acordou outorgar o primeiro premio a Devigo, dotado dun premio en metálico de 3.000 euros e gañador das últimas dúas edicións celebradas.
 
Ademais, o xurado destacou "o importante nivel de calidade alcanzado por todos os finalistas nesta vixésima edición".
 
O premio Seivane, unha gaita personalizada e feita especialmente para esta vixésima edición do concurso, correspondeulle ao suízo Xosé Antonio Constenla Martínez, gañador do premio "Soutelo", que distingue ao mellor intérprete da emigración.
 
Ademais, o xurado recoñeceu as interpretacións de Pedro Álvarez Fariñas, de Nigrán, e Daniel Lumbreras Rodríguez, de Euskadi, con dous accésit de 1.000 euros para cada un.
 
Por outra banda, o premio á mellor composición recaeu en Javier María López, pola súa suite para gaita ou orquestra As cousas de Sabela.

Comentarios