'Os Tonechos' toman un descanso

Víctor Fábregas y Roberto Vilar (Foto de archivo: El Progreso)
photo_camera Víctor Fábregas y Roberto Vilar (Foto de archivo: El Progreso)

A parella máis famosa da TVG aparca temporalmente o seu humor. O famoso dúo cómico galego 'Os Tonechos' decidiu tomarse un ''descanso'' para centrarse en proxectos a nivel persoal, segundo confirmaron os seus compoñentes, Víctor Fábregas, coñecido como 'Tucho', e Roberto Vilar, de nome artístico 'Tonecho'.

Aínda que ambos eluden apelar taxativamente a unha separación definitiva, si confirman que tras unha dilatada e exitosa traxectoria profesional xuntos, decidiron tomar un respiro.

Non é definitivo

Fábregas asegurou que esta decisión ''non quere dicir que nos separemos definitivamente'', resaltando que non nos separamos de malos modos, nin artística nin persoalmente''. Neste sentido, sinalou que ''simplemente, apetecíanos descansar dun proxecto no que levabamos inmersos sete anos, pero non é, nin moito menos, unha porta pechada''.

O outro integrante do dúo, Roberto Vilar, coincidiu co seu 'fillo' artístico en afirmar que ''non é verdade que nos separemos, só imos aparcar por un tempo para experimentar cousas por separado'', e reiterou que ''non matamos a 'Os Tonechos', nin hai ningún tipo de problema''.

Aínda que algunhas fontes o sitúan nun proxecto de televisión en Miami, 'Tonecho' non quixo confirmar que tivese xa decidida outra alternativa profesional. ''Estou a mirar couas, pero non teño nada en concreto'', afirmou.

Traxectoria

A parella máis sólida da escena humorística galega está formada por Roberto Vilar, nacido na localidade luguesa de Xove, e Víctor Fábregas, nativo de Esteiro, en Muros (A Coruña). A súa primeira aparición televisiva foi no programa da TVG 'Con Perdón', pero alcanzaron fama no mítico 'Luar'.

Máis adiante, fixeron especiais ata conseguir ter o seu propio programa, 'O show dos Tonechos', cuxo episodio piloto se emitiu o 18 de abril de 2005, e no que, ademais dos personaxes que os fixeron famosos, aparecen moitos outros.

O seu humor baséase na retranca e no surrealismo, e tamén son constantes as súas referencias á cultura popular e á actualidade social. En pouco tempo, o seu espectáculo chegaría a converterse nun verdadeiro fenómeno social en Galicia, batindo marcas de audiencia en cada emisión.

Comentarios