Os tempos son chegados

Os tempos son chegados! A hora da definitiva revolución musical na Galiza. O dobarrismo, máis que música un sentimento. Algúns incautos poden pensar que é unha homenaxe a Andrés do Barro con fins altruístas en maior ou menor medida porén iso sería minimizar o auténtico significado deste movemento. Levamos un ano e medio cociñando esta revolta nos catro puntos cardinais do país. Músicos, blogueiros, escritores, xornalistas, activistas todos traballando desde a grandeza do anónimo para crear as pontes precisas na vertebración dunha nova sensibilidade cultural na nosa terra.

Un motín pacífico e afastado dos poderes institucionais, cimentado nas bases do respecto e da sa competitividade, algo que na Galiza non é moi habitual. Non é só música, non é só cultura, é un novo xeito de facer país esquecendo o enfrontamento entre minifundistas e latifundistas. Chamémonos "omnifundistas" porque o queremos todo porque non somos galegos do futuro senón galegos do presente con ganas de chegar alén do futuro.

Andrés foi un loitador incomprendido na nosa terra como tantos outros. Tiña na súa creatividade aquilo que converte aos homes, aos artistas en xenios máis alá das modas,  perdurábeis no tempo. De sempre o recoñecemos como ese faro que nos tiña que guiar desde a incomprensión cara ao triunfo. Era posíbel estar no mundo na nosa lingua levando os cabelos longos, o “manix” de pescozo virado e a pata de elefante. Era certo que podiamos conquistar o mundo sen agarrar unha arma e subir ao monte. A  revolución podíase facer sen vencedores nin vencidos.

Hoxe, décadas despois, o seu espírito chega a todos os recantos do país. Novas voces, unhas mais innovadoras que outras, novas propostas herdeiras directas do desexo de ser galego no mundo, no presente. Logo de anos de esquecemento por parte de todos chegou a hora dos xustos, a oportunidade dos inxenuos o momento da verdade.

Moito teñen mudado as cousas na Galiza nestes últimos tempos, hoxe respiramos nunha terra que lonxe de temer ese pasado negro, esa longa noite de pedra que semellaba non rematar nunca, vota polo futuro sen deixar de vivir o presente. Unha realidade que non podía deixar sen re-visitar á súa máis grande icona de todos os tempos. Se Warhol fose da Fonsagrada tería feito un deses marabillosos retratiños multi-cor coa cara do noso mito, o Andrés.

Todo un símbolo de modernidade o desexo de toda unha xeración de novos creadores, de xoves artistas e futuros intelectuais que viven entre nós, que toman cañas no mesmo bar ca ti, que o igual che bailan un pogo que o pasodobre de Ponteareas. Nova savia para construír un país que non esquece a súa raíz mas deixa de mirarse o embigo porque sabe perfectamente onde está o horizonte. Alí onde o solpor sobre as ondas do atlántico lle recordaba ao Andrés o lindo que é vivir na mellor terra do mundo.


Comentarios