O retorno de John McClane

Está de volta. O tenente John McClane (Bruce Willis), como case sempre, atópase no lugar equivocado no momento equivocado ao viaxar a Moscova, onde está o seu fillo Jack (Jai Courtney). Cos peores elementos dos baixos fondos rusos tras eles e loitando contrarreloxo para evitar unha guerra, os dous McClane descobren que os seus métodos opostos para enfrontarse ás dificultades pódenlles vir ben para xuntar forzas para manterse vivos, que no fondo é a súa especialidade.

Baixo a dirección de John Moore e cun elenco que inclúe, ademais de Willis e Courtney, a Sebastian Koch, Mary Elizabeth Winstead, Julia Snigir ou Amaury Nolasco, a quinta entrega da exitosa saga La jungla de cristal, que leva por título Un buen día para morir, promete 87 minutos de acción pura e dura para os amantes do xénero... e de Mcclane.

E non moi afastado do xénero tamén chega ás pantallas de cine esta fin de semana o thriller policíaco La trama, protagonizado polos famosísimos rostros de Mark Wahlberg, Russell Crowe e Catherine Zeta-Jones. Unha repartición de luxo para unha película que mestura o triángulo detective-político-muller infiel e que dirixe Allen Hughes.

Pola súa banda, Colin Firth, Cameron Diaz, Alan Rickman e Tom Courtenay protagonizan outra das estreas da fin de semana, Un plan perfecto, unha comedia dirixida por Michael Hoffman que leva o selo dos irmáns Ethan e Joel Coen no guión, polo que o humor está garantido ao cen por cen nos 89 minutos que dura esta rodaxe norteamericana.

ANIMACIÓN PARA OS PEQUENOS DA CASA

‘Blackie&Kanuto’ Francis Nielsen é o responsable desta aventura de animación que protagonizan a ovella negra Blackie e o can pastor Kanuto. A primeira está obsesionada con viaxar á Lúa nun foguete espacial e o segundo, malia non poder vivir sen a amiga, non as ten todas con el

‘Dos días en Nueva York’ Julie Delpy dirixe e tamén protagoniza esta comedia romántica de produción franco-alemá e que é unha secuela de Dos días en París. Chris Rock, Kate Burton, Dylan Baker, Brady Smith e Melinda Williams completan unha película para entreter

‘Un planeta solitario’ Esta longametraxe de Julia Loktev é unha das sorpresas do ano. Un drama intenso que narra a degradación da parella con Hani Furstenberg, Gael García Bernal e Bidzina Gujabidze.

Comentarios