Dionisio Pereira recolle mañá o premio Vidal Bolaño

O historiador Dionisio Pereira recolle mañá en Cerdedo o IV Premio Roberto Vidal Bolaño. Os socios do colectivo Redes Escarlata recoñecen así unha longa traxectoria nos estudos dedicados á reconstrución da represión fascista e dos crimes perpetrados contra os galegos.

O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín entregará mañá o galardón, consistente nun cadro do artista ourensán Xosé Luís de Dios, durante un xantar en Cerdedo, tras unha conferencia a cargo de Anxo Angueira sobre asociacionismo e memoria política.

O xurado, composto por Antón Dobao, Antón Figueroa, Francisco Fernández Rei, Rosa López, Darío Xohán Cabana e Xosé Luís Méndez Ferrín, tivo en conta tamén o seu labor no asociacionismo e na impulsión de entidades ao servizo da cultura popular galega, como Verbo Xido.

O Premio Vidal Bolaño é concedido cada ano a persoas comprometidas "coa loita pola emancipación de Galicia e das súas clases populares e coa construción da futura república galega" ao tempo que lembra a figura de Vidal Bolaño.

Dionisio Pereira foi denunciado o pasado mes de febreiro polos familiares do antigo alcalde de Cerdedo Manuel Gutiérrez, identificado como executor dos "paseos" no concello pontevedrés de Cerdedo tralo golpe militar de 1936 no libro do historiador 'A Segunda República e a represión franquista en Cerdedo'.

Numerosos investigadores e persoeiros da cultura galega amosaron o seu apoio ao historiador, comisario da mostra 'O Barco da Memoria', do que salientaron a súa "solvencia e rigor científico".

Comentarios