"Naurú móvese entre a fantasía e a realidade a través da pintura"

A lucense María Dolores Seijas presenta este martes, no Salón de Columnas do Círculo das Artes de Lugo, a súa última novela, que está ambientada en Papúa Nova Guinea

G
photo_camera María Dolores Seijas, no Salón de Columnas do Círculo das Artes de Lugo. XESÚS PONTE

Naurú, a última novela da lucense María Dolores Seijas Soto, non sairía á luz se a súa autora non se deixou levar por a cor e a emoción que lle transmitiu un cadro dun pintor impresionista francés que descoñecía ata entón. O artista é Pierre Bonnard e o cadro, Claro de sol.

Os verdes, azuis e amarelos que xorden da floresta de Bonnard levárona a Papúa Nova Guinea, unha illa do Pacífico, onde transcorre gran parte da acción de Naurú, a novela de aventuras coa que María Dolores Seijas sorprende aos seus lectores, tras publicar outras dúas obras, máis de carácter histórico e social.

Trátase de El maestro de Zaín —coa que empezou a escribir literatura logo de querer facelo durante anos e que narra a historia do seu avó, Luís Soto Menor, un republicano que foi inspector xefe de Primeiro Ensino en Lugo— e Réquiem, onde conta a historia dun xornalista xudeu polaco expulsado do seu país, baixo o comunismo, e que acaba traballando en Palestina.

En Naurú, María Dolores Seijas mestura fantasía e realidade para viaxar ata Papúa Nova Guinea, pero tamén a Londres, París ou Brasil. 

"Naurú móvese a través da pintura entre a fantasía e a realidade e resalta os sentimentos que temos esquecidos para dicirnos como afrontalos", apunta María Dolores Seijas, que presenta a obra este martes, ás oito, no Salón de Columnas do Círculo das Artes de Lugo. 

Naurú é unha pintora da tribo caníbal korowai de Papúa Nova Guinea que dá nome á novela e, segundo Seijas, "esperta a un mundo que nunca vivira". Un mundo no que tamén se reflectirán a tese do antropólogo Charles, a esquizofrenia artística de Philippe e o espírito aventureiro de Claudy.

Do impresionismo nabi ás tribos

O cadro Claro de sol, de Pierre Bonnard, transportou a María Dolores Seijas ao impresionismo e a Papúa Nova Guinea.

Museo Reina Sofía

Para empaparse ben do Impresionismo e da corrente nabi, á que pertencía Bonnard, María Dolores emprendeu unha viaxe a Madrid e foise ao museo de arte contemporáneo Raíña Sofía a ver unha exposición de pinturas impresionistas, que a cativou.

Fundación Mapfre

Para seguir chamando á inspiración, María Dolores foise ademais á fundación Mapfre, tamén en Madrid, que acolleu unha exposicion de xoias e obxectos das tribos de Papúa Nova Guinea.

Comentarios