Cinco músicos lucenses figuran entre os 57 finalistas dos Martín Códax

Trátase de Carme López, De Ninghures, A Pedreira, Grande Amore e Catuxa Salom, que foron elixidos entre as 433 propostas que concurriron este ano, 30 delas da provincia de Lugo
Finalistas dos premios Martín Códax, este mércores en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Finalistas dos premios Martín Códax, este mércores en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Cinco músicos lucenses lograron estar, nesta undécima edición dos premios Martín Códax, entre os 57 finalistas, tal e como deron a coñecer este mércores as Bodegas Martín Códax (Cambados), entidade que dá nome aos galardóns organizados por Músicas ao Vivo.

Os intérpretes lucenses que quedaron finalistas son: Carme López (na categoría de Música Clásica e Contemporánea, que é do Incio); De Ninghures (en Folk), que ten algún membro da Fonsagrada; A Pedreira (Ugia Pedreira, de Vilaronte-Foz, en Canción de Autor); Grande Amore (Nuno Pico, do Valadouro, en Electrónica) e Catuxa Salom (en Músicas do Mundo e Mestizaxe, que vive desde hai un tempo na Pontenova).

En total, presentáronse este ano 433 propostas, das que 30 foron lucenses (16, de Lugo capital, e o resto, da provincia). A categoría onde máis medrou o número de inscritos foi a de Música Electrónica, que sumou este ano 27 proxectos presentados.

As Bodegas Martín Códax acolleron este mércores, en Cambados (Pontevedra), a festa de finalistas desta nova edición dos premios. Neste evento, foron nomeándose as 45 bandas e artistas –3 por categoría– que pasan á recta final tras a votación do xurado profesional.

O novo conselleiro de Cultura, José López, durante a presentación dos finalistas dos premios Martín Códax, este mércores en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O novo conselleiro de Cultura, José López, este mércores durante a presentación dos finalistas dos galardóns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

No decurso da festa, foron desvelados ademais os 9 proxectos finalistas nos tres premios Organistrum: Salas, Festivais, e Comunicación e Difusión Musical. Tamén, os artistas seleccionados na categoría máis noviña dos premios, a de Artista Emerxente, instaurada en 2022 e na que este ano son finalistas Leria, Mondra e Gloria Pavía.

Ata o 12 de maio, os socios de Músicas ao Vivo poden votar os seus favoritos e, como gran novidade desta edición, tamén o público xeral. De feito, este xoves comeza o periodo da votación popular, que permitirá decidir quen serán os gañadores de cada unha das categorías.

 

A votación farase a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal. O público pode votar a través dun sistema de puntos, terá que facelo nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva. No reconto final de votos, o 50 por cento corresponderá á votación do público e o outro 50, aos votos dos socios de Músicas ao Vivo.

A gala desta edición dos premios Martín Códax celebrarase o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a dirección de Xurxo Souto, o profesor e tamén exlíder dos Diplomáticos.

Os seleccionados para os premios Mártin Códax nas 19 categorías


Blues, funk e soul Brais Morán & Nasaufunk, O Cadelo Lunático, Martins Aneiros Band.


Folk Caamaño & Ameixeiras, Susana Seivane, De Ninghures.


Mestizaxe Catuxa Salom, Raposa, Woyza & The Galician Messengers.


Autor Antía Muíño, Guadi Galego, A Pedreira.


Músicas urbanas Ash Diz, Hydn, C Miranzo.


Orquestras América de Vigo, Burgas Big Band, Orquesta Charlestón.


Metal e heavy Youcanthide, Her Anxiety, Rymer.


Bandas Agrupación Musical de Goián, Banda de Silleda, Unión de Guláns.


Tradicional Malvela, Mediarea, Os Melidaos.


Infantil A Gramola Gominola, Uxía Lambona e a Banda Molona, Pakolas.


Clásica e contemporánea Fabio Álvarez, Carme López, Juan Eiras.


Electrónica Mondra, Lontreira, Grande Amore.


Jazz Orquestra Galega de Liberación, Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero, Diego Alonso.


Rock e punk Moloch, Terbutalina, Mad Martin Trío.


Pop e indie The Rapants, Lucía Aldao, Mai.


Organistrum Miudiño Sessions, O TikTok de Rodri Míguez, Revista Rebelico (Comunicación e Difusión), Galegote, EmigraSON, As Nosas Músicas de Couso (Festivais) e Mardi Gras, A Pousada da Galiza Imaxinaria, A Arca da Noe (Salas).


Finalistas Artista Emerxente: Leria, Mondra, Gloria Pavía.