"A música tradicional galega é unha das máis ricas de toda Europa"

Camilo Regueiro participou na XXVIII Mostra de Instrumentos Tradicionais de Pardiñas co fin de poñer en valor o labor da treintena de artesáns que expoñen o seu traballo 
camilio
photo_camera Camilo Regueiro. ASOCIACIÓN PUNTO GAL

Que significa para vostede ser pregoeiro en Pardiñas?

Pois é realmente unha honra que te propoñan para realizar o pregón da Mostra de instrumentos tradicionais de Pardiñas. É un ambito que sempre participei e no que estiven incluso involucrado e en certa maneira que me fagan esa proposición pois é unha maneira de ver que estás nese ámbito e que dalgunha forma tes certo valor. A verdade é que lle estou moi agradecido á organización.

Pode facer un avance do seu discurso?

Aproveitando que xa levan 28 anos coa Mostra, o que vou a facer un pouquiño é falar sobre a miña experiencia cos diferentes artesáns que tiven a sorte de coñecer e farei unha especie de revisión máis ou menos histórica dos tempos, un pouco de como se vivía hai 30 anos e como se vive hoxe en día coas novas tecnoloxías.

Que destaca de Pardiñas?

Eu creo que todo. Todo o concepto do festival de Pardiñas é moi bo. Tanto o festival musical como a mostra de instrumentos artesáns e tradicionais que me parece unha iniciativa fantástica. Sempre o foi e permitiu aos artesáns relacionar se entre eles. É moi importante que comenten, que intercambien coñecementos, que se vexan e que teñan unha relación persoal. Por outro lado, a toda a xente que somos usuarios deses artesáns ou que necesitamos do seu bo facer, pois achegarnos e falar con eles de forma directa e telos dalgunha forma a todos reunidos, pois sempre é agradable.

Xa visitara o festival nalgunha outra ocasión?

Sempre coñecín Pardiñas. De feito, cando participaba nun grupo alá polos anos 90, tivemos unha actuación aquí e sempre estiven en contacto con toda a xente que máis ou menos se move arredor do festival.

Como recorda esa actuación?

A verdade é que a recordo con moito cariño. Era a época dos 90, o rexurdir da música galega e do folk. Foi unha era moi efervescente e había moita ilusión por parte da xente que partipabamos nalquel rexurdir. Recórdoo con moito agarimo.

Na época do reguetón, cre que a música galega está infravalorada?

Eu creo que hoxe en día non é como hai 40 anos desde logo. A música en galego xa ten o seu prestixo internacional, é moi recoñecida. Dentro do país a xente nova ten interese por continuar esta tradición e este gusto pola nosa música, que é moi rica e moi diversa. Creo que é unha das máis ricas, cando menos, de Europa a nivel de músicas tradicionais. Desde logo, é unha música con personalidade propia e un tesouro que temos aquí. Nós temos a riqueza de ter en Galicia un estilo propio creado polo noso pobo e polos nosos antepasados. É o vicepresidente da Asociación Punto Gal, que conseguiu que Galicia puidese ter un dominio propio na rede (.gal).

Que significou este fito para a comunidade?

Ter un dominio propio é como ter un carnet propio dentro da rede dicindo: "Galicia e a cultura galega existen e teñen un denominador dentro da rede". Creo que é para min o principal valor. Por outra banda, xa entramos en valoracions de temas máis efectivos. É dicir, cando compras un dominio .com ou .org, parte deses cartos van para unha empresa americana que xestiona o dominio. Neste caso, quedan aquí en Galicia e a asociación intenta promocionar iniciativas dentro do ámbito da cultura. Pero sobre todo, ter ese carnet de identidade na rede e ese lugar común para a sociedade, a lingua e a cultura galegas.

Cre que hai os suficientes dominios en galego?

Dentro do que cabe hai unha boa aceptación e vai aumentando o número de dominios de .gal. A xente ve cada vez máis que é un dominio útil que etiqueta unha pertenza, unha comunidade. Permite, por exemplo, a unha empresa achegar o seu producto ao mercado galego dunha forma máis directa. É unha marca que permite a alguén que queira formar unha páxina web identificarse como pertencente ou que quere achegarse á sociedade galega.

Comentarios