Antonio Murado: "Busquei nas montañas algo nobre para superar o desencanto co cinismo na arte"

O seu desexo infantil de ser heroe deu nunha realidade de ser artista. Antonio Murado (Lugo, 1964) volve dende Nova York a Madrid cunha exposición. O último desafío que se propuxo son obras feitas nun bosque que deixa á intemperie durante un tempo. A súa pintura debe ter unha épica para que el sinta satisfacción de estar medrando como creador.
Antonio Murado. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Antonio Murado. VICTORIA RODRÍGUEZ

Hai unha década Antonio Murado empezou a facer ebanistería. Desa disciplina, dos erros que solventou nesa área da carpintería, xorde parte de Intramuros, a exposición que mantén na galería Álvaro Alcázar de Madrid. A outra parte son lenzos pintados ao aire libre nas montañas de Catskills, a 200 quilómetros segundo se sae de Nova York cara ao norte. 

Dende que comezou os seus cadros tenden ao inhabitado e ao salvaxe. 
O artista debe ter curiosidade polas marxes do coñecido, ir a territorios inhóspitos. 

Vive en Nova York, nun entorno afastado da natureza; pero retrata o primitivo. 
Interésame o cadro como obxecto; como bastidor, tea, pigmentos e proceso. Empecei a interesarme pola madeira para facer todo o proceso. A madeira é moi importante en Estados Unidos. Son máis novos ca nós, polo que hai pouca pedra. Comprei unha parcela nas montañas de Catskills. Fixen unha cabana xunto a un pequeno bosque. 

Construíuna? 
Encarguei a estrutura, pero fixen o interior e todos os mobles. Achegoume á ebanistería. En Estados Unidos ten prestixio. Eles están máis preparados para arreglar as cousas, sexan os coches ou as lámpadas. 

Que buscaba nas montañas hai dez anos? 
Estaba desencantado co cinismo da arte. Quería reinterpretar o traballo do artista na busca de algo máis nobre. Empecei a ir a clases de ebanistería. Foi un alivio. 

Nese proceso aprendeu? 
Etica. 

Cal foi a principal lección nas clases de ebanistería? 
As primeiras civilizacións empezan a usar a madeira como elemento construtivo. Descubrín que cola de milano [o encaixe de dúas táboas] ten a mesma inclinación agora que no antigo Exipto. A cola de milano conéctanos con milleiros de anos atrás. 

Descubrín que a cola de milano ten a mesma inclinación que tiña no antigo Exipto

O aillamento de Catkills cambiou o xeito de traballar? 
Non está tan aillado. Non é nada romántico. 

Imaxinárao como un impresionista de vida ermitaña. 
Tardei en pintar nas montañas. Tiña unha vinculación co estudo, onde estaban os materiais e os cadros. Empecei a traballar prescindindo do que me daba confort no estudo, a incorporar as inclemencias do tempo, os animais, o vento que che bota follas sobre o cadro... Comecei a deixar os lenzos á intemperie. 

Houbo cambios na súa creación?
Hai un cambio de escala. Nun espazo construído a escala é humana. Na natureza non es nada. Van Gogh e Monet fan unha revolución. Eran heroes que van buscando o que non fixera ninguén. Como Turner amarrándose na tormenta. Os grandes pintores anteriores traballaban por encarga do rei. O rei pagaba e eles facían. 

Por que quere ser heroe? 
Como todos os nenos quería superar dificultades na aventura pola idea de redención, de ser aceptado porque fixeches algo memorable no senso de que evitaches un sufrimento ou o aliviaches. A vinganza non salva, pero alivia. 

Ser un heroe require unha disciplina sen relax. A súa cabana era un escenario ideal para ser un empeño espartano. 
Esa era a idea, pero teño familia. Non son tan valente como para pasar frío ou fame.

Pero imponse empezar de cero.
Os artistas temos que evitar o adocenamento porque enmohece todo. Debemos aventurarnos coa menor cantidade de cousas nunha dirección na que xa estabamos. 

Os novos cadros reflicten esa intención, pero só parcialmente. Parecen un encontro entre o expresionismo abstracto e o tapiz.
Interésame a narrativa. Os tapices eran como o cine do medievo. 

Empecei a traballar sen o confort do estudo, a incorporar as inclemencias, os animais...

Estudou Belas Artes en Salamanca. Xermán Refojo, que tamén se formou alí, lembra que lles aprendían a facer os materiais que ían usar para pintar. 
Eu estudei teoría. Os profesores dicían que a técnica é a solución a un problema. Se aprendes primeiro a técnica o que fas é exhibir habilidades, pero non achegas nada novo. 

Vostede créase problemas para avanzar. 
Non teño ningunha das condicións do ebanista. Son pouco paciente, non mido ben, non son coidadoso... O resultado ás veces é un bastidor descadrado. 

Volvemos o heroe que se supera. 
Fago virtude da necesidade. Pinto nese bastifod. Hai cadros aos que cheguei por erro na medición.

"As obras que expoño na sala de Madrid son como as tendas da estepas de Mongolia"
Un dos cadros da mostra de Murado. GALERÍA ÁLVARO ALCÁZARNa mostra que ten aberta na galería Álvaro Alcázar de Madrid, 'Interiores' (na imaxe, unha das obras), hai cadros que se dobran en esquinas con intención de escultura. 
Ten máis que ver coa arquitectura, coa creación dun espazo. Están presentados como tapices, os que Le Corbursier chamaba ‘murais móbiles’. Un mural está fixo nunha parede e tes que ir a esa parede se queres velo, pero un tapiz podes enrolalo e levalo a outro sitio. Ten que ver coas tendas nas que viven as persoas das estepas de Mongolia, que se montan en quince minutos e se levan dun lado para outro. 

Volveu ao primitivo. Cando? 
Hai seis ou sete anos. Son as obras que expoño agora en Madrid. Nas primeiras tendas nas que vive a humanidade cando sae das covas hai unhas peles de animais que son coma cadros, son as primeiras representacións que se facían nas cavernas.

Comentarios