"Ás mulleres dinnos lobas con desprezo e quixemos reapropiarnos deste termo"

A xira de presentación do primeiro disco de A Banda da Loba, ‘Bailando as rúas’, pasará esta noite polo Clavicémbalo de Lugo

A Banda da Loba. FACEBOOK (A Banda da Loba)
photo_camera A Banda da Loba. FACEBOOK (A Banda da Loba)

Na música tradicional galega é máis doado atopar grupos integrados enteiramente por mulleres, pero no caso das escenas pop e rock, esta presenza diminúe. Xiana Lastra (voz), Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra) e Marcela Porto (batería e percusións) achegan a súa contribución para poñerlle remedio á infrarrepresentación da metade da poboación na escena con A Banda da Loba, que actuará esta noite (23.30) no Clavicémbalo de Lugo.

Levan un ano e medio de andaina e a experiencia está a ser positiva. Fala Xiana Lastra, ferrolá de nacemento, aínda que con orixes nas Pontes e na Pontenova, quen conta que o xermolo de A Banda da Loba hai que buscalo nun proxecto anterior, "de índole feminista", que partillaron ela e máis Andrea Porto. "Aquilo non saiu adiante, pero tiñamos feitas algunhas cancións e pensamos que era unha mágoa deixalas no caixón".

Paseniñamente fóronse integrando Inés, Marcela e Estela. Unhas viñan da escena tradicional ou folqui; outras, máis do pop ou da clásica. Entre todas, argallaron unha proposta na que sae varias veces a palabra "caleidoscopio", que mesmo lle dá título a un dos corte do primeiro disco do grupo, ‘Bailando nas rúas’.

Xiana Lastra está certa, tamén da importancia de que as mulleres na música poidan conquistar certos territorios

"Caleidoscopio é unha composición de Andrea, porque sempre lle gustaron moito. Funciona un pouco como metáfora da nosa música, no que transmite e nas posibilidades que ten segundo as cores que elixas", indica Lastra.

Para este primeiro álbum acompañáronse de madriñas de excepción. Por unha banda, Guadi Galego, cantora, compositora e multiinstrumentista, "completamente versátil". "Para nós é un referente. Vén máis do tradi e do folk, pero agora está a facer unha proposta independente no pop. Admirámola moito".

A outra colaboración vén da man de Tanxugueiras. "Gustános delas ese punto arriscado, case que che diría que punki, que achegan dentro do tradicional. Participan na nosa peza máis folk, A historia de Pepa a Loba", relata Lastra.

Sobre este aspecto, a cantante e compositora sinala que na procura dun nome para o grupo, collen como referente tanto a lendaria guerrilleira da Terra do Medio galega durante o século XIX como a loba como animal. "Ás mulleres chámannos lobas con desprezo, como algo despectivo, e quixemos reapropiarnos do termo; darlle unha nova acepción, falar da muller loba como muller forte e arriscada e non como un insulto".

Xiana Lastra está certa, tamén da importancia de que as mulleres na música poidan conquistar certos territorios. "O de cantantes está asumido en moitas das escenas, pero a nivel instrumental e creativo...custa máis, podes pensar que o que estás a facer non vale. Nós intentamos vencer esa barreira", conclúe.

Comentarios