Morre Francisco Calvo Serraller, catedrático e ex-director do Museo do Prado

Era catedrático de Historia da arte e ex-director do Museo do Prado

Francisco Calvo Serraller. EFE
photo_camera Francisco Calvo Serraller. EFE

O catedrático de Historia da arte e ex-director do Museo do Prado, Francisco Calvo Serraller, faleceu este venres 16 de novembro aos 70 anos de idade, segundo confirmaron fontes da pinacoteca española. 

Calvo Serraller era catedrático na Universidade Complutense de Madrid, institución na que se licenciou en Filosofía e Letras, na especialidade de Historia da Arte, e se doctorou con Premio Extraordinario. 

Nesta universidade exerceu a súa carreira académica e investigadora de xeito ininterrompido desde 1970, dirixindo o Departamento de Arte Contemporáneo entre 1991 e 1993. Ese ano foi nomeado director do Museo do Prado, posto do que dimitiu en 1994. 

En 2001 ingresou na Real Academia de Belas Artes de San Fernando e foi membro fundador e vogal do Padroado da Fundación Amigos do Museo do Prado desde 1981. 

Calvo Serraller colaborou como crítico de arte en diferentes medios nacionais e internacionais, como o diario El País ou as revistas Goya, Revista de Occidente, Arte e Parte, Flash Art, Artforum ou Parkett

Tamén dirixiu coleccións de arte en distintas editoriais: Turner, Alianza Forma, Mondadori, Electa e Tf. Editores. A súa labor como publicista foi recoñecida co Premio do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, 1985, e o posto de finalista do Premio Nacional de Ensaio en 1987. 

Comentarios