Morre o actor Ernesto Chao

Loito no mundo da interpretación polo pasamento, aos 74 anos, de quen dera vida ao mítico Miro Pereira, entre outros moitos papeis no cine, na tele e no teatro galegos

O actor Ernesto Chao faleceu este luns aos 74 anos de idade logo de loitar nos últimos meses contra unha longa enfermidade.

O pasamento de quen dera vida ao mítico Miro Pereira, de Pratos Combinados, entre outros moitos papeis na televisión, no cine e no teatro, tingue de loito ao sector da interpretación en Galicia, do que foi un dos maiores estandartes nas últimas décadas.

Un dos seus últimos papeis deixouno na aclamada Fariña, na que deu vida a Gerardo Fernández Albor, quen fora presidente da Xunta nos oitenta.

As mensaxes de dor pola triste nova, e tamén de lembraza ao actor nado en Ribadavia e finado en Santiago, non tardaron en propagarse polas redes sociais. O corpo do actor será velado no tanatorio compostelán de Boisaca.

 

Unha dilatada traxectoria
Ernesto Chao comezou a súa dilatada traxectoria no mundo da interpretación nos anos sesenta, concretamente no teatro. No entanto, o papel polo que entrou na casa de milleiros de galegos foi o de Miro Pereira, protagonista da inesquecible Pratos Combinados da TVG, que estivo en pantalla entre 1995 e 2006.

Tamén participou en numerosas películas, obras de teatro e series, dirixiu o Centro Dramático Galego e xestionou a compañía Lagarta, Lagarta, entre 2001 e 2012, cando pechou por dificultades económicas.

Sempre vencellado ao mundo da cultura, nos últimos anos tamén exerceu de presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Comentarios