Morre aos 41 anos o músico e produtor Richard Swift

Foi membro de The Shins de 2011 a 2016 e tamén tocou o baixo nas xiras de The Black Keys

Richard Swift. INSTAGRAM
photo_camera Richard Swift. INSTAGRAM

O músico e produtor estadounidense Richard Swift, moi vinculado á escena independente, morreu este martes aos 41 anos.

"E todos os anxos cantarán Que será, será", afirmou unha nota publicada no perfil de Facebook do artista na que se comunicaba o seu falecemento.

O portal especializado Pitchfork sinalou que Swift morreu en Tacoma (Washington, EE UU).

En xuño lanzouse unha campaña de fondos en internet para axudar ao músico, que non tiña seguro sanitario, a pagar os seus gastos médicos, aínda que nunca se informou da enfermidade que padecía.

Richard Ochoa Swift, polo seu nome completo, foi membro de The Shins de 2011 a 2016 e tamén tocou o baixo nas xiras de The Black Keys.

Xunto a Dan Auerbach, cantante e guitarrista de The Black Keys, formou ademais parte de The Arcs, grupo no que se encargou da batería.

Swift, que tamén sacou varios discos en solitario, destacou así mesmo como produtor de artistas como Foxygen, Sharon Van Etten ou Damien Jurado.

"Hoxe o mundo perdeu a un dos músicos máis talentosos que coñezo. Está agora coa súa nai e irmá. Botareite de menos, o meu amigo", escribiu Auerbach en Instagram, nunha mensaxe acompañada por unha fotografía na que aparece xunto a Swift. 
 

Comentarios