O monfortino Antonio Casares cóase no 'Álbum da ciencia' xunto aos seus fillos

A publicación do Consello da Cultura Galega, que fai referencia a 30 científicos, divulga as historias de pioneiros como Rof Codina, fundador da Gran Clínica Veterinaria de Lugo, ou Jimena Fernández de la Vega, doutora en Medicina

Ilustración de Antonio Casares Rodríguez, científico de Monforte. NURIA DÍAZ
photo_camera Ilustración de Antonio Casares Rodríguez, científico de Monforte. NURIA DÍAZ

A Raíña Victoria de Inglaterra tivo un parto doloroso en 1853. Para aliviar a dor solicitou que a anestesiasen con cloroformo. Era algo novo na época, que descubrira o escocés James Young Simpson en 1847. O mesmo ano, o monfortino Antonio Casares sintetizou o cloroformo e probouno nun can e en si mesmo. Por mor dos experimentos deste químico, empezouse a usar no Hospital Real de Santiago nas operacións cirúrxicas.

O Álbum da ciencia. 30 nomes e as súas achegas, publicado polo Consello da Cultura Galega (CCG), divulga o traballo dunha trintena de científicos galegos, de entre os 300 que figuran na páxina web do CCG, e entre os que tamén hai lucenses.

Entre as vidas ilustradas e contadas está a de Antonio Casares Rodríguez, nacido en Monforte en 1812. Ademais do cloroformo, foi o primeiro en producir electricidade cun arco voltaico en España. Nas festas do Ápostol de 1852, Casares produciu luz como atracción para os visitantes.

Como investigador químico destacou pola súa análise das augas dos balnearios de Galicia, a composición de cultivos e a loita contra as pragas, como o oídio da vide.

"Dos 30 seleccionados, tres son Casares. Están el máis dous fillos: un botánico e outro químico. Tamén Miguel Gil Casares, médico, e sobriño de Antonio", explica Tino Fraga, coordinador da obra. Tamén sinala que é habitual que existisen sagas familiares na ciencia, "pero a de Casares destaca, máis que pola continuidade, por ter a científicos moi importantes". O papel de Casares Rodríguez como cabeza principal da Facultade de Farmacia e Ciencias tamén favoreceu esta proxección familiar.

O único balenario ao que Casares non lle analizou o auga foi ao de Guitiriz porque estaba a iniciar a súa actividade. O seu primeiro director foi Wenceslao Fernández de la Vega e a súa filla, Jimena Fernández de la Vega, é outra das científicas que aparecen no álbum.

"As mulleres ata o século XX non poden acceder a estudos superiores. Jimena estudou en Lugo e despois formou parte da primeira promoción de Medicina en Santiago", sinala Fraga.

En 1911, xa doctorada en Medicina, recibiu unha bolsa para formarse en Alemaña e Austria. Alí interesouse polos fundamentos da xenética e, no seu regreso a España, ocupouse da tradución para a difusión deste campo da medicina.

"En Madrid tivo o respaldo de Novoa Santos e realizou investigacións en xenética moi importantes", explica Tino Fraga. En 1933 créase a Sección de Xenética e Constitución con Jimena Fernández de la Vega como directora.

Coa morte de Novoa Santos, Jimena quedou sen apoios, opositou ao posto de médico de balneario e retornou a Guitiriz, para traballar xunto ao seu pai.

Vos 30 científicos galegos máis senlleiros (1). EP

Vos 30 científicos galegos máis senlleiros (2). EP

Rof Codina chegou da súa Barcelona natal a Lugo no ano 1898 e é unha figura imprescindible no campo da veterinaria, tanto no relativo á hixiene como polo seu incansable activismo nos movementos agraristas. "É un home moi valioso e a veterinaria galega débelle moito pola mellora gandeira", segundo explica Fraga.

Tras abandonar o Exército, fundou, xunto con José Carballo, a Gran Clínica Veterinaria de Lugo, a primeira de España, e a única que tiña vacúas do Instituto Pasteur para Asturias e Galicia.

Entre os seus maiores intereses destaca a énfase na creación de sociedades de seguros mutuos para que as explotacións de pequenos produtores fosen rendibles. Tamén se debe a Rof Codina o primeiro estudo das razas bovinas galegas para mellorar a súa xenética.

A súa lealdade republicana custoulle, tras a Guerra Civil, un expediente e unha xubilación forzosa en 1944. A partir de entón dedicouse á divulgación desde a Estación Pecuaria de Lugo e desde a súa Cátedra Ambulante de Divulgación Pecuaria coa que percorreu toda a provincia lucense.

A un paso da Praza España de Ribadeo está a Rúa Enxeñeiro Schulz, en homenaxe ao autor do primeiro mapa xeolóxico galego.

Guillermo Schulz chegou a Ribadeo como comisario de minas e en 1834, mentres Domingo Fontán acababa o seu mapa, viaxou dacabalo delimitando materiais xeolóxicos. Nalgúns lugares contaba con informantes que o axudaban, como Antonio Casares Rodríguez en Monforte.

Ademais de Schulz, Elhuyar e Ezquerra, o outro pai da xeografía española foi Casiano de Prado, que realizou os seus estudos no Colexio Militar de Lugo. Destacou nas investigacións de paleontoloxía e é pioneiro na práctica de alpinismo en España.

Polo Seminario de Lugo pasou Ramón María Aller Ulloa, un dos astrónomos máis destacados do século XX, que tamén foi catedrático de Matemáticas, sacerdote e políglota -chegou a dominar dez idiomas-. O astrónomo Hugh Percy Wilkins deulle o nome de Aller a un cráter da Lúa.

"Tratar de poñerlles cara, de que as persoas os coñezan e se sintan orgullosas de ter entre os seus paisanos xente que fixo cousas moi potentes en ciencia", di Fraga.

Este pequeno álbum é un primeiro paso para coñecer grandes historias que ocorreron moi preto, porque "a ciencia tamén é cultura e debemos poñela enriba da mesa", conclúe Fraga.

O químico Batuecas será o homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia
O primeiro catedrático de Química Física da Universidade de Santiago, Tomás Batuecas (1893-1972), será o homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia, o 8 de outubro. A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu a Batuecas como "referente internacional", xa que xogou un papel determinante no método para establecer o peso atómico dos elementos químicos e logrou calibrar os do aluminio, o chumbo, o potasio e o sodio.

Esta homenaxe coincide co 150 aniversario da creación da táboa periódica. Batuecas naceu no municipio estremeño de Aldeanueva do Camiño en 1893, aínda que estivo moi ligado a Galicia desde que en 1932 gañou a cátedra de Química Física de Santiago, a primeira desta especialidade habilitada en España.

Tras licenciarse en Ciencias Químicas na Universidade de Salamanca en 1913, Batuecas orientou o seu doutoramento ao tema que protagonizou toda a súa traxectoria científica, ao centrar a súa tese na revisión do peso atómico do carbono.

Do Laboratorio de Investigacións Físicas en Madrid, onde foi discípulo de Blas Cabrera, pasou á Universidade de Xenebra grazas a unha bolsa de dous anos outorgada pola Xunta para Ampliación de Estudos, institución antecesora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Alí coñeceu ao destacado científico Enrique Tiernos, co que formou equipo en Madrid.

En 1932 gañou por oposición a primeira cátedra de Química Física habilitada en España, o que supuxo a creación de novos laboratorios e liñas de investigación na USC. "En Santiago foi recibido como a figura de relevancia internacional que xa era", explica a RAGC.

Ao longo da súa traxectoria, Batuecas publicou 139 traballos científicos, dos que ao redor de 50 foron difundidos por revistas internacionais. Neles queda constancia dos esforzos do químico da USC por afinar todo o posible diversos métodos de determinación de masas atómicas.

El e o seu equipo conseguiron especificar as de varios elementos: o aluminio, o magnesio, o silicio, o sodio, o potasio, o arsénico e o chumbo. O peso atómico é unha propiedade moi relevante que permite estudar o comportamento dos tipos de materia e establecer relacións entre eles.

Comentarios