lunes. 18.01.2021 |
El tiempo
lunes. 18.01.2021
El tiempo

"Mira como o freixo brilla, súas follas son douradas"

Daniel Pardo (en primeiro plano), Abe Rábade, Davide Salvado (no piano) e Miguel Pardo. EP
Daniel Pardo (en primeiro plano), Abe Rábade, Davide Salvado (no piano) e Miguel Pardo. EP
Davide Salvado e Abe Rábade puxeron música ás coplas de Daniel Pardo no proxecto Emerxencia: Freixo

"Sempre se fixo. Sempre se cantou ás hortas, aos cultivos, á terra", dicía este mércoes Davide Salvado para falar de Emerxencia: Freixo, un proxecto que partiu do pulo e as coplas de Daniel Pardo sobre as árbores da aldea onde viven. Porén, debeu ser no mes de novembro, por vez primeira, que un piano de cola chegou ata ese lugar da parroquia de Lestedo, en Palas de Rei. Para o pianista Abe Rábade foi doado enlearse nas pólas deste freixo, que tamén deron forma á primeira composición de Botánica, un álbum que o músico de jazz gravará este ano.

Alí, baixo un freixo centenario, as teclas axustáronse á melodía de maneo da pandeireta, e a danza orgánica de Daniel Pardo aos puntos de muiñeira de Miguel Pardo. E todo o seu encontro tivo por motor o ritmo lento da seiva ou rápido das follas compostas desta especie do país, unha das moitas ás que queren render homenaxe. "A nosa idea é facer un canto as árbores, transmitirlles e transmitir o noso amor por elas, danzarlles, cantarlles, celebralas", explicaba Daniel Pardo, que aludía á inspiración das ideas da ecóloga forestal canadiense Suzanne Simard, que descubriu a finais do século XX as conexións que manteñen as árbores pola súa rede de raíces e tamén a importancia das máis lonxevas nas conservación do bosque.

"Mira como o freixo brilla/ súas follas son douradas/ luce o seu corpo de prata/ negros gomos nas súas gallas", é unha das coplas que creou Daniel Pardo, seguindo a métrica tradicional e ese pulo inda máis antigo de deterse no pracer de mirar, dicir e danzar as formas do mundo.

Davide Salvado púxolles como melodía un maneo de María de Erbecedo, esa muller da Costa da Morte que inda facía os seus propios sancosmeiros e da que tanto ten aprendido. Para facelo, aproveitou unha recollida levada a cabo por Fransy González. Ademais, Salvado falaba entusiasmado da relación entre o piano e a pandeireta, onde esta non se ve "maltratada, coma tantas outras veces, nin coma un instrumento menor, senón que marca o camiño", indicó.

O camiño plantouse con freixos, hai cen anos. Agora, apenas quedan tres en pé. E non é que estean en contra dun aproveitamento forestal, pero queren que este sexa máis responsable, de que a xente abra máis os ollos aos freixos, aos teixos e aos castiñeiros, sobre todo a aqueles que cando nacemos, xa tiñan os ollos abertos.

Este canto ás árbores ten o seu eco nas redes. En Instagram é posible seguilo no perfil @emerxencia, así como nas distintas redes co cancelo #emerxencia. Tamén o vídeo, co son do directo, pódese ver en Youtube. "Mira como o freixo brilla", iso queren dicir.

"Mira como o freixo brilla, súas follas son douradas"
comentarios