Microefectos Dramatúrxicos volta tres días ao Clavi tras ano e medio de parón

O colectivo teatral estrea catro pezas orixinais de 15 minutos para volver ao escenario que tivo que abandonar a causa da pandemia por falta dunha garantía de estabilidade e de aforo
undefined
photo_camera Integrantes de Microefectos Dramatúrxicos. EP

O 11 de marzo de 2020 era xoves, o primeiro do mes. Nesa data Microefectos Dramatúrxicos estrean catro pezas orixinais no Clavicémbalo de Lugo. Esa noite recolleron as roupas e o atrezzo comentando que non saberían cando volverían a esa rutina mensual de escribir catro pezas, estudalas, ensaialas e representalas no Clavi. Agora xa teñen a resposta: durante ano e medio tiveron que "abrir e pechar, e cambiar as ocupacións".

Na noite deste xoves volven ao seu hábitat —"noutros escenarios non nos sae igual", observa Anxo Manoel Lamelo— con catro obras. Farán as representacións este xoves, este venres e o sábado en sesións que comezan ás 20:30 e 22:30 horas. "A sesión do sábado será a principal novidade para compensar as restricións de ocupación", indica a compañía. Haberá 50 entradas por sesión. As reservas faranse no correo clubclavicémbalo.com. Reservaranse algúns tiques para que sexan vendidos na billeteira.

A peza que abre o espectáculo é 'Unha noite no Clavi', a única que non é estritamente cómica do programa que prepararon para o regreso de hoxe. Serán tres comedias —'En fuera de juego', 'Malfuncionamento. Opening' e 'Me dio pereza titular esta pieza'— e unha drama —'Unha noite no Clavi'—. Durarán arredor de 15 minutos.

Esta última obra foi escrita por Raquel López Cendán. Presenta varias amigas que están no club lucense. Comentan o seu papel na sociedade e asuntos como os perigos que se esconden na noite para as mulleres.

'En fuera de juego', de Pepe Saavedra, está protagonizada por tres homes. Son tres árbitros que comentan no descanso dun partido a desfeita que están provocando coa súa actuación.

'Malfuncionamento. Opening', de Brais García, proxéctase a un tempo futuro no que uns robots humanoides controlan a poboación. Aparece unha pandemia. A peza desenvólvese nun ton costumista. "Falan como o meu avó", observa Lamelo.

"A peza de 'Me dio pereza titular esta pieza' non ten nada que ver co título", apunta o actor sobre a obra de Brian Rodríguez. Unha parella que está vendo a tele e pide unha pizza. Ese feito ordinario provoca que revisen a súa relación.

Cada representación estará a cargo de tres actores da Microefectos Dramatúrxicos, que son nove en total. Nestes tres días interpretará papeis Anxo Manoel Lamelo, así como Raquel López Cendán, María Grandío, Elvira Velasco, Brais García e tamén Brian Rodríguez.

Durante tres días estarán sobre o escenario, o escenario do Clavicémbalo, o seu escenario.

Comentarios