A meirega Gaitafilmes coproduce o documental 'O silencio herdado'

Lucía Dapena dirixe este proxecto, que vén de recibir unha axuda de Agadic e no que recupera a historia de seu avó Adenso, encarcerado nun campo de concentración do réxime franquista
photo_camera Busca de localizacións e probas de cámara en Chantada. GAITAFILMES

"Medo. Frío. Fame. E anos de silencio". Só despois da súa morte, e grazas a un manuscrito que lle deixou en herdanza, Lucía Dapena puido coñecer a historia de represión do seu avó Adenso, a que agora inspira o documental creativo O silencio herdado, que a produtora meirega Gaitafilmes impulsa xunto ás catalás La Selva. Ecosistema Creatiu e Mayo Films.

"O meu avó Adenso gardou silencio ata o día da súa morte sobre o seu cativerio en varios campos de concentración franquistas e o seu posterior traslado a un campo de escravos do réxime", explica Lucía na presentación do proxecto, que parte do texto do seu avó para reconstruír "o percorrido que lle forzaron a facer e as súas vivencias en cada espazo".

«O Silencio herdado visita estes lugares do horror para explorar o silencio que os conquistou e confrontar a desmemoria da xente que hoxe os habita coas palabras que o meu avó escribiu", apunta a directora dun proxecto para o que nesta fin de semana estivo a gravar en Vigo o teaser promocional, co testemuño da súa avoa Edilia, a muller de Adenso, coñecedora de todo o acontecido logo de que el se agochase no Pireneo e tentase fuxir de España.

O sofá de Adenso, que Edilia mira con nostalxia, pero no que nunca se senta, as ruínas con pintadas nas paredes, a prisión reconvertida en mosteiro en Cardeña, os botellóns no que era o campo de concentración de Miranda, os bosques da Ribeira Sacra e os seus Cabros -localizaron e fixeron probas de cámara en Chantada- son algúns dos espazos polos que pasará o documental, gravado en galego, catalán, euskera e castelán, ao longo do seus 70 minutos, tratando de mirar «o silencio para así agretalo cun rumoreo de memoria», precisan na sinopse.

"Tivemos conversas con Sergio Grobas, de Mayo Films, ensináronos os proxecto cando empezaba a andar, pareceunos moi interesante e asumimos a parte galega do documental", explica Laura Doval sobre a implicación de Gaitafilmes nun proxecto que tamén conta coa participación doutra colaboradora habitual da produtora meirega, Lucía Catoira Pan.

Comentarios