Medio centenar de portas do Camiño ábrense en El Progreso

Jorge de Vivero, Pepe Tejero e Roberto Díaz inician este sábado unha nova serie no diario
undefined
photo_camera Xosé Tejero, Jorge de Vivero e Roberto Díaz. XESÚS PONTE

A serie Portas do Camiño mostrará desde o día 4 e cada sábado na Revista do diario El Progreso medio centenar destes accesos singulares de edificios civís e relixiosos que se atopan nas diferentes rutas do Camiño de Santiago en España, entre as que se contan as rutas francesa, primitiva, portuguesa, marítima ou a Vía da Prata.

Os textos serán do exprofesor do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo e colaborador deste diario Jorge de Vivero, que irán acompañados de imaxes do que foi fotógrafo deste xornal Pepe Tejero e de Roberto Díaz.

Jorge de Viveiro explica que a sección tratará de medio centenar de "sitios para entrar e saír, sitios para pasar" que serán case todos relixiosos con dúas "ou tres excepcións", como un arco da praia das Catedrais. O escritor recoñece a predilección do equipo polas portadas románicas.

Jorge de Viveiro indicou que os seus textos acompañará as imaxes de Tejero e Díaz. Comezarán cun breve comentario sobre a porta que visiten cada día. A partir dese arranque, O Viaxeiro —como se refire ao trío— comentará os encontros e os atractivos da contorna. "Conto a experiencia".

Jorge de Vivero, Pepe Tejero e Roberto Díaz mostrarán cada semana unha porta interesante dunha das rutas xacobeas

A crónica empeza cun detalle que chama a atención do escritor. Refire un pórtico no que se representa unha adoración, coa súa Virxe, o seu Neno e os seus Reis "e vese a San José nun á parte. Dorme sobre o seu bastón, alleo ao milagre". Outra porta que lle sorprendeu é a da catedral de Astorga. "Entrei 20.000 veces nesa catedral e nunca me fixara en que non ten un centímetro sen decorar".

O interese de Jorge de Viveiro pola bioloxía fai que repare sobre todo nos animais, sexan reais ou mitolóxicos; incluso que os compare ás veces cos querubíns. "No mosteiro de Carboeiro, en Silleda, hai uns anxos que axitan as ás e que me recordaron as aguias cando as moven moi rápido antes de botarse a voar por primeira vez ou os corvos mariños cando se pousan nunha roca para secar".

O cronista recoñece que nunca se fixou nas portas dos templos ata que empezou a viaxar aos sitios que querían retratar. Para explicar os sentimentos que lle provocan cita a Flaubert: "Cando miras algo con atención vólvese interesante".

Comentarios