Media ducia de alumnos gañan o certame de declaracións de amor en galego 'Lingua de namorar'

A entrega de premios celebrouse este luns no Pazo de San Roque, en Vigo
Ganadores
photo_camera Gañadores do certame Lingua de Namorar. EFE

A Xunta de Galicia entregou este luns os premios correspondentes ao certame Lingua de Namorar co que o goberno galego procura "dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos nas súas relacións persoais e en internet". 

Os seis autores das mellores mensaxes de declaracións de amor en galego na rede recibiron este luns o seu premio nun acto celebrado no Pazo de San Roque, despois de que o xurado ditaminase os gañadores o pasado mes de maio.

Así, na primeira categoría de idade, de 14 a 19 anos, foron galardoados os traballos Retórica (1º premio, co que Nee Barros, de Marín, Pontevedra, acumula xa catro distincións consecutivas neste concurso); Primavera (2º premio, para Ana Loureiro, de Caldas de Reis, Pontevedra) e Ao altar (3º premio, para María Femenías, de Foz, Lugo).

Na categoría de 20 a 35 anos foron galardoados Ataraxia (1º premio, para Leticia Cid, de San Cibrao das Viñas, Ourense), Un vinilo dos Dire Straits (2 premio, para Denís Vicente, da Guarda, Pontevedra) e Fuxitivas (3º premio, para Silvia Pérez, tamén da Guarda, Pontevedra).

Na entrega de premios participaron a directora xeral de Mocidade, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Participaron no xurado, presidido pola escritora Rosalía Morlán, Hugo Lozano e Nerea Pallares, gañadores dos I premios Xuventude Crea 2019 nas categorías de Poesía e Relato Breve, respectivamente; Alicia Padín, representante da Rede de Dinamización Lingüística; Nancy Domínguez, en representación da Rede Galega de Información Xuvenil; Ángela Fernández, en representación da Consellería de Política Social; e Beatriz Corral, como representante da Consellería de Cultura e Turismo. 

Comentarios