A actriz forma parte do reparto do espectáculo de humor ‘Malo será!’

Marta Doviro: "O público pode ver todos os intríngulis que non se ven na TV"

O sofá da casa é máis cómodo que a butaca, pero comprobar que o que sae na televisión non é de todo mentira, ben merece esquecer o confort. A máxia da pantalla asalta o auditorio Gustavo Freire de Lugo con 'Malo será!' para facer humor en directo, sen trampa nin cartón, este sábado ás 21.00 horas.

Marta Doviro. EP
photo_camera Marta Doviro. EP

"Estréome no mundo da comedia e vívoo con moita ilusión", explica Marta Doviro, presentadora do espectáculo. A actriz é unha das incorporacións da segunda temporada do programa, que comeza a emitirse o luns ás 22.00 horas na Televisión de Galicia. O primeiro capítulo é o show gravado no teatro de Vilalba, cun "público moi entregado" e con Touriñán.

O elenco que viaxa con Doviro está formado por Lucía Veiga, Oswaldo Digón, Marcos Pereiro e Federico Pérez. En cada parada, súmase algunha cara. Mañá estarán Sabela Arán e Pedro Brandariz no Gustavo Freire. "Eu estaba na miña zona de confort, veño dun punto dramático e do audiovisual e, a verdade, é que o teatro e o público crean certa adición", sinala. Nestes primeiros pasos na comedia, Doviro agradece ter uns compañeiros "que levan toda a vida" na busca da risa.

 A interpretación é distinta, o teatro posibilita unha actuación "máis tola" e que permite "desfrutar da conexión co público". Afeita a traballar con audiencias e comentarios en redes sociais, A actriz agradece escoitar as risas en directo e "saber que está funcionando". Despois de "tantos anos vendo todo tan perfecto" na pantalla, poder saber como se fai e "ver a todo o equipo" fai que sexa algo máis humano. "Neste espectáculo o público pode ver todos os intríngulis que non se ven na televisión", conta.

Oswaldo Digón "quedou en calzóns, cambiouse mentres eu falaba con el"


Chegan a tal punto que, nun dos teatros, ata se puido contemplar a Oswaldo Digón en calzóns. O actor acabou un sketch e, antes de empezar co seguinte, Doviro fíxolle unha pequena entrevista. "Quedou en calzóns, cambiouse mentres eu falaba con el". Durante dúas horas de espectaculo dálles tempo a rir de temas universais e a facer humor sobre o local. "No espectáculo de Lugo vai haber algún guiño histórico á tradición romana e castrexa", adianta Doviro. Unha das características deste show é que sempre hai bromas de "zonas de Lugo, discotecas, equipos de fútbol... bromas para a xente do público".

Todos os convidados coméntanlle a Doviro o mesmo, "que o pasan en grande". Ela considera que, como actriz, iso é algo moi importante, "porque estás menos encorsetado". Doviro considera que aínda non se acabou de soltar, pero ver a Marcos Pereiro ou a Fede, que "levan a comedia nos xens" e fan "chascarrillos de colleita propia" en calquera momento, é a mellor forma de coller confianza. "Combina a televisión, que fai que chegue a todos os fogares; coa arte da profesión, que é poder facelo en vivo". Un formato innovador en Galicia, que conta tamén cun grupo de música dirixido por Cristian Leggiero, poñéndolle banda sonora aos sketches.

Comezaron en decembro e a Doviro, o que máis lle sorprendeu, foi o público infantil. "Había uns nenos na primeira fila, incluído algún bebé, e non se escoitou chorar por ningún lado, pasárono en grande, e falaban con nós. É un espectáculo familiar". Descubrir que o ambiente que se crea é tan hipnotizador como unha pantalla para os máis pequenos, foi o mellor dos recoñecementos. 

Comentarios