'María Solinha' estrearase en 200 escenarios ao aire libre este verán

Ignacio Vilar adianta que a película proxectarase en vilas onde non haxa cine. Trabada e A Pobra do Brollón serán os primeiros lugares da provincia onde se verá o filme

Escena de 'María Solinha'. EP
photo_camera Escena de 'María Solinha'. EP

O director Ignacio Vilar tiña programada a estrea da nova película María Solinha para mediados de maio en Cangas do Morrazo. O Covid-19 moveulle os marcos. A planificación inicial derrubouse. Soamente quedou un lugar en pé: Cangas. "Son tempos novos, hai que facer cousas novas", defende o tenaz realizador. Anunciou este martes a estrea en Redondela para o día 19 de xuño e en Cangas, o día seguinte. Despois, verase ao aire libre en 200 concellos de Galicia.

Ignacio Vilar sospeita que as salas de cinema tardarán unha boa temporada en abrir porque, se se lles permite, as medidas sanitarias van estorbar na rendibilidade. Así que pensou que, de non ser posible proxectar dentro, hai sitio abondo fóra. A maiores, "imos evitar os sitios en que haxa cine para levar a película a outros en que non haxa estreas".

A pretensión é que María Solinha se vexa en douscentos concellos galegos. Na provincia de Lugo conta con chegar a todos coa excepción de Lugo, Viveiro e Ribadeo, onde existen salas de proxección. Comezaría por Trabada e A Pobra do Brollón, con estreas. Nesas cerimonias estarán todo o equipo, mentres que ao resto acudirán Vilar ou algún actor para presentar o filme e manter un coloquio cos espectadores.

Neste tempo, o director anda na procura de axudas para despregar unha pantalla de doce metros e colocar ducias de cadeiras nunhas sesións que serían atendidas por sete persoas. Cada proxección estará antecedida pola entrada de Abraham Cupeiro tocando a sonora trompa celta chamada cárnyx. O músico sarriao commpuxo e interpreta a banda sonora con ese instrumento, un corno e caracolas. A gravación desenvolveuse nos estudos Abrigueiro, que dirixe Arturo Vaquero en Friol.

Reconstrúe a lenda de María Solinha, unha viúva rica do século XVII que foi acusada pola Inquisición de practicar a bruxería

Esta película, que conta con financiamento da Agadic e da Deputación de Pontevedra, relata a historia dun director de teatro que chega a Cangas para reconstruír a lenda de María Solinha, unha viúva rica do século XVII que foi acusada pola Inquisición de practicar a bruxería. A actriz que a encarna na escena sufrirá ecos do que padeceu ela. As localidades de Redondela e Cangas, e a viguesa illa de Toralla foron os escenarios da rodaxe desta cinta, producida por Vía Láctea Filmes cun custo de 750.000 euros.

O elenco actoral está formado por debutantes como Grial Montes y Laura Míguez, e veteranos como Mabel Rivera, Antonio Durán Morris, Alfonso Agra, Mela Casal ou a lucense Melania Cruz.

Comentarios