Manuel Lourenzo: ''Sempre remexín todas as cousas, se cadra por soberbia''

Manuel_lourenzo_dentro1.jpg
photo_camera Manuel_lourenzo_dentro1.jpg

Actor, director, dramaturgo, profesor e tradutor de teatro, Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, Lugo, 1943) tiña motivos de sobra para levar o primeiro Premio Nacional das Artes Escénicas.

As súas contribucións á escena galega son abundantes e notables en todos estes campos, desde que en 1965 formara a súa primeira compañía, Grupo de Teatro O Facho, xunto a Francisco Pillado, ata o traballo que desenvolve na actualidade con Casahamlet. Con Pillado escribiu tamén varios libros sobre teatro galego.

Nin os clásicos gregos, nin os máis próximos no tempo, como Brecht, Genet ou Chekov, e por suposto, Castelao, Cunqueiro ou Otero Pedrayo, se lle resistiron ao que, malia a súa ampla traxectoria, será lembrado por moitos como o 'Melgacho' de 'Mareas vivas'.

Pregunta: Eran necesarios estes Premios Nacionais de Artes Escénicas?

Resposta: Non sei. Teatro fai falta, fai moita falta. A idea que tiven cando vin que se anunciaban estes premios foi positiva nun sentido talvez un pouquiño pirata, que foi o de chamarlle Premio Nacional a un premio galego; pareceume bárbaro, ía sendo hora de que se fixese iso.

Agora, sobre a súa necesidade... non pensei nese aspecto. Ao que llo dan, sempre lle resulta gratificante, e iso é o que me pasa a min. A valoración é positiva, claro que tampouco podo ser obxectivo.

P: O xurado valorou tamén o seu traballo de base como profesor, algo que non se ten moi en conta á hora de conceder premios...

R: Claro, é que no meu caso vai sempre todo bastante xunto dende o principio, dende o ano 65 que comecei con isto. Sempre remexín todas as cousas máis que nada quizais por soberbia, agora que o penso con tempo, porque pensaba que facía falta que alguén se metese con isto do teatro porque é unha vergoña que o país non tivese teatro, e porque había que responder. Entón, pensei que tiña que facelo todo, como pensan os rapaces, inventar o mundo.

Itinerancia
P: E hoxe aínda queda moito camiño por andar...

R: Ah, si, evidentemente. Eu non o verei, e oxalá outras xeracións o vexan, pero queda moitísimo. Polo de pronto non hai ningunha compañía instalada en ningún teatro de Galicia, non hai unha programación regular, nin unha compañía municipal instalada nun teatro, nin unha compañía nacional nin nada.

O máis que hai é o Centro Dramático Galego que ten a súa sala, que pode traballar aí con certa axilidade, pero todo o demais segue sendo itinerancia, que está moi ben, sempre que haxa tamén outras cousas.

P: Cal é o maior atranco para o desenvolvemento do teatro galego?

R: O maior mal está no que vén pasando co país dende hai moitos anos, que é un país que non damos fortalecido para que fale coa súa voz. E no mundo actual estamos dominados, como dicía don Ramón Otero Pedrayo, por potencias escuras, amedradas pola ordinariez dos tendeiros. Esas palabras, que son dos anos 30, para min están absolutamente vixentes.

Antes diciamos que estabamos demasiado dominados polo capital, pero agora vemos que é unha cousa moi extensa e que abranxe moitísimas cousas: a política, o modelo da cultura, o mundo dos negocios,... Estamos destruíndo a terra, como non nos imos destruír a nós? Sei que son palabras moi gordas, pero sempre entendín que o teatro é unha alerta contra toda esta situación propia do ser humano.

P: Permítame a frivolidade, xa que acabamos de falar do capital...

R: Ha, ha, é que eu me puxen moi grave. Así que non serás frívola, serás realista.

P: Que vai facer con eses 15.000 euros cos que se dota o galardón?

R: Sempre hai necesidades moi gordas. No meu caso, hai unha necesidade moi gorda que teño que cubrir, e isto vénme moi ben, moi ben, moi ben. O meu é un traballo que non é o típico no que cada mes podes retirar uns euros, e cando tes que resolver un problema de varios meses, é importante. Non che podo dicir porque non ten que ver só comigo, senón con varias persoas, pero si que me resolve un problemiña aí.

Medallas e trofeos
P: Vostede é como unha especie de home-premio, coa cantidade deles que leva acumulados...

R: He, he, he. Quen me dera! O que pasa é que os meus premios, agás este, non están dotados economicamente. Eu teño moitísimas estatuíñas e pergamiños, moitas cousas desas; diñeiro, moi pouco. Case sempre teño premios de honra nada máis, non se dan conta de que os artistas tamén comemos todos os días e temos necesidades...

Teño moitos premios, e todos eles son moi de agradecer, e agora, falando en serio, non me importa que non fosen dotados economicamente. Pero como traballo no teatro e na escrita é tan irregular e difícil para levar unha vida digna dende o punto de vista das necesidades materiais, agradécese dobremente cando ten dotación económica.

P: E que fai con tantas medallas e trofeos?

R: Pois mira, teño unha casa moi grande na aldea, unha casa antiga que foi da familia, e alí destinei o cuarto máis grande á biblioteca. E dentro da biblioteca, destinei uns andeis que un amigo me regalou para meter todo aquilo. Está moi amontonado todo, porque se non, ocupa o lugar dos libros. E alí están. Eu doaríaos moi gustosamente se soubese dalgunha institución que os fose conservar; non é que os desprece, pero ao mellor podía estar nalgún sitio.

Vivir no presente
P: O xurado considérao tamén o "pai do teatro independente galego", está contento con como lle medraron os fillos?

R: Non, non, iso de pai nada. Resulta que eu, como sempre estou en contacto con xente moito máis nova ca min polo traballo pedagóxico, pois non crecín bastante. Eu teño os anos que teño cronoloxicamente pero vital e mentalmente son un poquiño máis novo.

E esto faime ver non como sucesión de pais a fillos e todo iso, senón como debate constante, e se hai que mandar a alguén á merda, mándoo á merda con toda tranquilidade, aínda que teña 20 anos e me poida escachar a cabeza, porque teño un "tu a tu" que foi o que máis vantaxes me deu para non idealizar o tempo e as cousas. Vivo no presente, vaia.

P: Podería sinalar algunha traxedia (ou comedia) grega coa que contar a Historia de Galicia?

R: Traxedias, moitas, por non dicir a colección completa: Esquilo, Sófocles e Eurípides. Unha amiga miña, dando clase citou a Esquilo e cando viu as caras, preguntou: "Sabedes quen é Esquilo, non?" e respondeu un dos seus alumnos universitarios: "Si, presente do verbo esquilar", e non o dixo en broma.

Así que un país onde pasan estas cousas, é un país que ten moito que rabear aínda. O país ten unha historia terrible, o que pasa é que hai que botarlle cara, e saír aos camiños e volver facer as loitas irmandiñas. Agora non terían éxito, porque se apuntaría todo dios para saír na tele, pero algunha forma hai de loitar sempre.

P: E a súa propia vida?

R: [Ri] A miña vida é como a de todos, hai de todo. Agora mesmo dóeme unha perna a rabiar, e estoume rindo para non berrar. Pero por outra parte río porque o estou pasando ben.

Proxectos de futuro
P: Dende logo, ninguén diría que lle doe nada...

R: Todo vai para diante, para desembocar onde xa sabemos.

P:  Xa para rematar, que proxectos ten?

R: Ah, isto si que me quita o sono, porque encargáronme unha obra do Centro Dramático, iso por unha parte. Por outra parte, teño outros dous encargos persoais que teño que cumprir, por outra parte teño que entregar tres obras para un libro, antes de que remate o ano, por outra parte teño que dirixir unha ópera, que non sei se acabarei delegando porque todo se me xunta...

Por outra parte, teñen que operarme, e como creo que vai ser pronto, ao mellor se me chafa algunha destas cousas. Por outra parte, estou facendo dous espectáculos: un sobre Curros, que imos facer en Madrid e Galicia, cun montón de funcións en poucos días, e outro que xa fixera hai anos e que pediron de novo, e reensaiouse, reestrouse en Vigo hai pouco e agora esperan algunhas funcións. E tamén estou preparando o do ano que vén e tamén estou coas aulas de teatro, e coas representacións dos alumnos, que son unha cantidade de pezas de Harold Pinter e outros moitos autores.

Son varias cousas mesturadas, das que non podo zafarme, e é unha lástima porque a min gústame facer as cousas unha por unha. Cando se xuntan dúas, pásame como a aquel presidente dos Estados Unidos, que non sabía pensar e masticar chicle a un tempo.

Comentarios