Maceda celebra a súa primeira Feira Medieval

Cartel de la Feria
photo_camera Cartel de la Feria

O concello de Maceda celebra os días 16 e 17 de agosto, a súa primeira Feira Medieval. Para aqueles a os que xa lles soe o nome da celebración, non, non incorremos nun erro ao dicir que esta é a primeira edición do evento. E é que este ano o concello ourensán decidiu converter a súa tradicional Festa Medieval nunha Feira Medieval, co obxectivo de aumentar o número de asistentes e fomentar o comercio da localidade.

O alcalde de Maceda, Xavier Oviedo, explica que a decisión se tomou porque a festa ''non tiña o éxito esperado'' e aínda que ''si que había moita afluencia de xente'', non cubría por completo as expectativas, razón pola que o ano pasado non se celebrou. Por iso, a organización pensou para este ano nun evento máis na liña dos celebrados no resto de Galicia, combinando as reunións gastronómicas habituais - de exaltación do leitón- cun programa de actividades variadas.

Cambios no Medievo
Este ano os asistentes gozarán de exhibicións de cabalos, talleres de baile, monicreques, maxia; e poderán adquirir obxectos de artesanía nos postos do mercado. As noites estarán amenizadas polo folk de Renato Spencer & Café Caxaça e Zurrumalla e a música medieval da Coral Albízaras.

Non é só un cambio de nome e de programa, senón tamén de localización. O Medievo cambia de escenario do castelo de Maceda ao centro urbano. ''Entendemos que é unha forma mellor de promover ata a economía do pobo porque o castelo está bastante separado de Maceda, a un quilómetro, co que non repercutía nos negocios, sobre todo en hostalería que é o que hai que perseguir neste tipo de eventos'', explica o rexedor nacionalista.

Aínda así, manterase por tradición o Xantar Medieval que se celebrará domingo na carballeira do Castelo de Maceda, cuxas entradas están xa  á venda polo prezo de 13 euros. Ademais os veciños poderán vestirse para a ocasión cos traxes que o Concello dispón para o aluguer.

Comentarios