Varela invoca a Luís Seoane como ''modelo ético dos galegos''

A poliédrica figura do intelectual Luís Seoane centrará desde este martes pola tarde un debate enmarcado nos actos cos que se celebrará o centrenario do seu nacemento. Ata o vindeiro venres, a sede do Consello da Cultura e a Fundación Luís Seoane na Coruña acollerán o congreso Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía, no que expertos de todo o mundo falarán sobre a figura do pintor galego nacido en Arxentina.

No acto de inauguración estivo o titular de Cultura da Xunta de Galicia, Roberto Varela, quen reivindicou "o compromiso político, o labor cultural e o traballo artístico" de Seoane, a quen erixiu como "modelo ético para os galegos". Así, o conselleiro apostou polo traballo desde as institucións públicas "para facer presente cada día a súa figura" na sociedade.

''Sempre pensaba en Galicia''
Artista, escritor, deseñador, xornalista, entre outras facetas, a figura de Luís Seoane (Buenos Aires, 1910 - A Coruña, 1979) e a súa acción creativa ponse sobre a mesa nunha dobre dirección territorial e cultural, entre a emigración e o exilio, e a súa dimensión como axente creativo e construtor dun intenso proxecto cultural de gran repercusión e influencia.

"É un dos nosos creadores por excelencia", recalcou Roberto Varela, que considerou "útil" este encontro para descubrir as múltiples facetas de Seoane e reivindicar a súa figura. Pola súa banda, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, destacou que o congreso "é unha oportunidade única para poder pensar Galicia dunha forma integrada, global, tanto a Galicia europea como a que está dispersa por todo o mundo".

Villares asegurou que "esta Galicia contribuíu a construír o que é a Galicia actual, e espero que tamén a Galicia do futuro", e precisou que, se houbese que escoller a unha figura representativa da Galicia do século XX, esta debería ser Luís Seoane. "Se destacou por algo foi porque, estivese onde estivese, sempre pensaba en Galicia".

Comentarios