Lugilde presenta 'A vella compañeira' con Beiras: "Xógase o tipo con este libro"

O acto, en Santiago, reuniu a varios dirixentes, como a nacionalista Ana Pontón e o líder de Anova, Antón Sánchez
Beiras, Lugilde y Celtia Traviesas. ÓSCAR CORRAL
photo_camera Beiras, Lugilde y Celtia Traviesas. ÓSCAR CORRAL

A presentación do libro A vella compañeira (Península) na súa edición en galega (Luzes-2021), de Anxo Lugilde (Lugo, 1970), reuniu no Casino de Santiago a amigos, compañeiros de profesión e políticos para arroupar ao autor que estivo acompañado do histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen proclamou a súa saída do "ostracismo" da depresión. 

"Anxo (Lugilde) non só tivo a coraxe de saír do armario, saíu do ostracismo e xógase o tipo con este libro unha vez máis", proclamou Xosé Manuel Beiras na presentación do libro na capital compostelá, que deixou tamén unha foto política coa líder do BNG, Ana Pontón, o propio histórico dirixente e o actual líder de Anova, Antón Sánchez. 

Beiras describiu esta obra como "unha autobiografía que non pretende ser biografía". Lugilde, precisamente, tomou o "copyright" da expresión a vella compañeira de Beiras, a quen lle leu esta expresión en 2012. 

Entrevista con Anxo Lugilde: "O que me sucedeu a min pode pasarlle a calquera"

Para o autor do libro, é a definición do "amigo plasta que non soportas, perséguete e inténtate amolar". "A auténtica vella compañeira non é a depresión, é a morte, o que pasa é que depresión ten a mensaxe de que a morte está aí", contestoulle o dirixente nacionalista, en conversación con Lugilde. 

Beiras destacou a "coraxe extraordinaria, de humor, retranca e sarcasmo" coa que escribiu a obra, que cualificou de inédita na súa forma. Palabra ademais, a de "coraxe", que se repetiu durante o coloquio posterior e no que tamén coincidiu a súa amiga, xornalista e condutora do acto, Celtia Travesas. 

O dirixente nacionalista destacou que Lugilde escollera como "metáfora" para ir sinalando as "etapas" da súa viaxe a II Guerra Mundial. "É un xeito de sarcasmo, ir comparando episodios seus con puntos cruciais", destacou.

UN MANICOMIO. Lugilde, que actualmente traballa en La Vanguardia, recordou que desde os 19 anos padece episodios depresivos, unha "enfermidade da alma" que acaba por quitarche "as ganas de vivir". "Afortunadamente estou aquí, Xosé Manuel tamén e todos vós", celebrou. 

Iso si, nunha presentación na que se fixo fincapé na necesidade de visibilizar a enfermidade, Lugilde advertiu do "feito de esconder a depresión, que é unha enfermidade de maiorías moito menos coñecida que as raras". "A xente sabe moi pouco de depresión", sinalou. 

Beiras foi máis aló para advertir de que España se converteu "socialmente nun manicomio", que está "dirixido por sátrapas, sádicos e desalmados". "E iso é terrorífico, porque a consecuencia é un manicomio, que interna a todos os cidadáns, non aos que están diagnosticados por algunha doenza de tolemia". 

O dirixente nacionalista sinalou, a continuación, que deste xeito acábanse "procreando pandemias ou pestes bastantes peores que as do covid". "E téñolles moito máis medo e agora que vou vello e síntome tan vello para facer cousas, máis que ao covid", aseverou Beiras, quen avisou de que é a "sociedade a responsable máxima" desas doenzas e, en lugar diso, "culpabiliza á vítima e atribúelle a culpa da súa doenza". 

A obra, tamén editada en catalán (Columna Edicións), é un libro que busca loitar contra o estigma da depresión, presentado como unha novela de viaxes. "En realidade é unha vergoña, que vos invito a comprar e ler, logo de 30 anos", sentenciou ao peche da presentación en referencia ao tempo transcorrido. 

Comentarios