Lucía Regueiro: "Luar é un máster que non podes facer en ningunha universidade"

A presentadora e actriz coruñesa será a mestra de cerimonias de 'Malo será!', un espectáculo de humor que reúne sobre o escenario a Touriñán, Evaristo Calvo ou Lucía Veiga e que chega este domingo ao auditorio Gustavo Freire ás nove da noite. A súa faciana é moi recoñecible para os galegos tras o seu paso por 'Luar' ou 'Serramoura'.

Lucía Regueiro. ARCHIVO
photo_camera Lucía Regueiro. ARCHIVO

Lucía Regueiro (A Coruña, 1982) é xornalista por formación, actriz por vocación e presentadora con moito humor por devoción. Este domingo estará en Lugo con Malo será!, o programa de humor da TVG que regresa tras tres temporadas e que será gravado no auditorio Gustavo Freire. 

Están de xira co Malo será!, que vai pola cuarta temporada. Como se sinte nesta xira? 
Está sendo moi especial por moitas cousas. Sobre todo creo que o que nos está marcando moitísimo foi volver ao teatro, volver fisicamente a traballar diante dun público, porque vimos dunha pandemia. Eu, no primeiro programa da xira, dicía: ‘Tres anos sen facer o programa porque non se podía’. Non ten sentido facelo sen público, porque gran parte deste programa é o público, as risas e a complicidade. Volvemos estar cos nosos espectadores, porque ademais hai moitos. Sempre o preguntamos antes de iniciar o espectáculo: Cantos repiten? E sempre se levantan moitas mans. Unha das cousas fermosísimas que ten é esa combinación de televisión e teatro. É moi especial e ademais é única na nosa televisión. 

Que pode esperar a audiencia? 
Como cousas que permanecen: o espírito do programa, levar a comedia polos teatros, xuntar á xente coa escusa que eu creo que é a mellor do mundo, xuntarse para botar unhas risas todos xuntos, que é algo catártico e terapéutico. Despois hai cambios; unha das grandes novidades é o reparto. Excluíndome a min, que participo nalgúns sketchs, considero que os actores e actrices son outros; podo dicir que son os mellores actores de comedia de Galicia. Touriñán, Lucía Veiga, Evaristo Calvo, Josito Porto, Marita Martínez, Marta Lado e Paula Pier. E mantemos a esencia da primeira temporada e das seguintes, contar cun talento local, que normalmente son menos coñecidos pero que teñen moitísimo humor dentro. Temos dous convidados, un actor novel —el lucense David Vilares— e unha estrela consagrada: Carlos Blanco, Noelia Rey, David Perdomo... 

Que se leva desta faceta de condutora dun programa de humor? 
É un programa divertido, no que tamén hai certo marxe á improvisación. Lucía Veiga e Xosé Antonio Touriñán son grandes improvisadores; sempre melloran o traballo no momento final, e para min observar iso é un máster en comedia e máster en teatro. Despois, o traballo que fai o equipo é complicadísimo. Ese xeito de traballar, con ese amor por facer que a xente o pase ben, que para min é un obxectivo primordial, e creo que moitas veces infravalorado, E despois o contacto co público. Volver estar nun teatro e volver escoitar risas e aplausos e ver caras está sendo revitalizador. 

Ademais de presentadora é actriz. Que rexistro lle gusta máis? 
Supoño que isto vai por fases na vida, porque eu son xornalista de formación. O que pasa é que eu tiven claro sempre que o meu camiño non era a información senón o entretemento. Como comunicadora si que me apetecía facer cousas, pero empecei a traballar como actriz. Estiven moitos anos tanto no teatro como na televisión. Pero eu, agora mesmo, onde me sinto máis feliz é como comunicadora. Empecei no Luar, que é un máster que non podes facer en ningunha universidade do mundo, ao lado dun profesional como Gayoso, que é o presentador con máis experiencia da televisión en toda España. Ademais, o único premio Mestre Mateo que teño é como comunicadora. Por aí hai un camiño polo que me gustaría seguir. 

Conduce Malo será! e presentou, por exemplo, Luar. Goza máis nos programas musicais? 
Non podería elixir. Eu gozo moitísimo presentando un programa musical, un programa con entrevistas... Quizais me vería menos nun programa de cociña, porque non teño nin idea, pero todo podería ser. Encantaríame facer un formato musical, con artistas contemporáneos, con música de todos os estilos. 

Como actriz, hai algún xénero que lle interesaría facer? Fixo producións importantes, como Serramoura ou A praia dos afogados. 
Si, iso son dous thrillers que desfrutei moito. Serramoura para min foi moi importante, porque eu viña de facer un personaxe en Libro de familia que xa formaba parte da familia de moita xente que vía a TVG. Eu crecín co personaxe de María Cabanas, empecei sendo unha nena e remataba sendo unha muller. E María era un personaxe moi bo, unha nena moi doce, moi traballadora... e de repente tiven a sorte de aterrizar en Serramoura facendo un personaxe dunha sarxento da Garda Civil, unha muller con problemas... e toda a parte de traballar con secuencias de acción, a carga dramática que tiña esta serie, para min foi un antes e un despois.Pero é verdade que agora mesmo non me apetecería facer outro thriller. Como actriz, o que máis me gustaría sería facer unha serie de época bonita, sen violencia. Creo que é necesaria a risa e o bo humor nun momento no que estamos saturados de violencia de todos os tipos. Entón, encantaríame facer unha serie de época, que non fosen os anos 60, porque xa fixen Libro de familia e Amar es para siempre. Século XIX, por exemplo. 

Está co Malo será!, pero ten algún proxecto de cara ao futuro? 
Neste momento, e máis despois da pandemia, aprendín que hai que ir subindo coa marea. Neste momento non podo falar de nada que estea pechado. Que tamén está ben, eu sempre estaba moi agobiada co que viña despois, e agora estou aprendendo un pouco, creo que desde que son nai, a fluír un pouco máis co día a día. As cousas que están aí, se han de saír, sairán, e se non, xa virá outra cousa.

Comentarios