De Lorenzo, finalista do Camba por un texto sobre "a epidemia" de correr

O columnista de El Progreso aspira ao galardón xornalístico por 'De repente, un runner'

Manuel de Lorenzo. ABANCA
photo_camera Manuel de Lorenzo. ABANCA

Manuel de Lorenzo axita as mans todo o tempo, como se viñese de metelas nun forno por equivocación. Manuel de Lorenzo ten paquetes de tabaco cheos permanentemente: quita un cigarro e xa hai outro ocupando o burato, coa habilidade dun mago. Manuel de Lorenzo sufre atascos de ideas porque a súa capacidade de pronuncialas é todo o limitada que pode ser a locuacidade dun ourensán. Fala con tanta velocidade que pode expresar un argumento e o contrario na mesma frase sen poñerlle un punto e parte. As contradicións fano rir, a bocaxarro e botando a cabeza para atrás para disparar ao aire e non ferir a ninguén.

Calquera lle recomendaría que correse para baleirarse, que fose ceibando palabras polas estradas, que as abandonase como abono no Xardín do Posío. Pero non lle gusta correr, aínda que podería escribir a favor do exercicio porque contempla cada asunto dende o plano e dende o contraplano.

O día 17 de marzo do ano pasado tocoulle mofarse dos corredores. Publicou o artigo De repente, un runner en El Progreso e Diario de Pontevedra sobre un amigo "que se disfraza de Power Ranger", con roupas poderosas de cores incandescentes e se botara ás rúas; un amigo que empezara a calibrar as calorías e os hidratos.

O xurado do premio Julio Camba anuncioulle este lunes que ese texto era finalista, xunto con Cuéntalo, que Marta García Aller publicou en El Independiente e En manos de Dios, de Cristina Sánchez Andrade, publicado en La Voz de Galicia. O gañador coñecerase no outono. A maiores, anunciou o Fernández del Riego para Inma López Silva, por Terra rota.

No artigo seleccionado como finalista Manuel de Lorenzo mófase dun amigo "que se disfraza de Power Ranger" para ir correr

Lorenzo tivo que limpar as mans da area de Vilagarcía de Arousa para coller cando o chamou o presidente do xurado, Alfredo Conde. "Fíxome moita ilusión ser finalista porque boto a metade do ano na ría de Arousa, onde Camba é o xefe", a maiores de recoñecelo como referente nese xornalismo literario ferido de humor que practica.

O escritor planeara enviar á convocatoria un texto que respondese ás caracerísticas do galardón, un escrito "con prosa poética e metáforas". Estaba tan convencido que aplicou a tese contraria. Manuel de Lorenzo contra Manuel de Lorenzo: "Mandei o texto que máis me gustara dos que publiquei o ano pasado, algo que me saíu do corazón, o máis honesto. Foi máis espontaneidade que táctica".

Engade que "os pintores ás veces teñen ganas de coidar o lenzo e outras de lanzarlle o bote de pintura".

Un día do marzo de 2018 volvía da casa que a familia antiga ten na Peroxa cara a Ourense cando viu "varios runners" e sentiu a "necesidade de tratarlos con sarcasmo". Lorenzo considerou daquela que o tema "se trata a favor ou en contra, pero dun xeito serio". Quixo burlarse porque "xa está ben de vida saudable!". Logo contraargumenta que "vida saudable tamén é estar xantando con amigos e rirse con eles nunha sobremesa que dure ata as sete e media da tarde". Sen disimular a incomodidade, apunta que "agora hai xente que ten a potestade de decidir o que saudable e que non".

"O que máis me gusta é xantar cos amigos, ir a Vilagarcía de Arousa coa familia, ler e ver películas; pero o que máis me gusta é escribir"

Para protestar por esa nova xurisdición na opinión, escribiu «un artigo irónico sobre esa epidemia que se está a propagar pola sociedade; ben, igual é forte dicir epidemia», rectifica para ser xusto. Tarda un segunfo en reafirmase: "Non creo nos límites obxectivos do humor, aínda que os hai subxectivos porque sempre hai alguén o que lle parece mal".

Os artigos que escribe son resultado dese virse e marchar das mareas no seu cerebro. "Non se me dá ben a retranca, non teño a inmediatez de Rafa Cabeleira; teño un enxeño máis repousado".

O humor "é un dos eixos" das súas pezas. O outro é "a emoción". "Gústame escribir sobre a condición humana en El Progreso e no Diario de Pontevedra; pero é algo que decidín eu, porque nunca tiven directrices", indica. Sen embargo, os contidos son científicos no suplemento cultural de ambos os diarios, Táboa Redonda. Requiren documentación, como as súas intervencións semanais na Radio Galega ou mensuais en Jot Down.

O seu ritmo semanal non sube das catro columnas. Durante os últimos meses estivo dedicado a editar e promocionar a primeira novela, Todo lo demás era silencio (Suma), polo que reducíu a cadencia á metade. Mantén as colaboracións en El Progreso e Diario de Pontevedra. Precisa de tempo para pensar e repensar. "Pero non tardarei en recuperar o ritmo", advirte como se escribir o redimise de xesticular ou de fumar.

Para abrir un novo debate consigo mesmo, enumera os seus pasatempos favoritos. "O que máis me gusta é xantar cos amigos, ir a Vilagarcía de Arousa coa familia, ler e ver películas; pero o que máis me gusta é escribir. Podería botar o día escribindo. Escribindo sobre calquera cousa, tanto ten. Mesmo podería podería facer un blog diario falando sobre runners".

Comentarios