Lois Pérez: "Isidro Novo era libre, caótico, hedonista, comprometido e independente"

O escritor falecido este ano foi lembrado con poñencias, un recital e unha exposición nunha homenaxe en Lugo, a súa cidade

O escritor Isidro Novo volveu ser palpable no Vello Cárcere de Lugo nunha mostra na que se amosaban orixinais da súa obra -entre eles, Guía do bebercio lugués-, ilustracións, fotografías e obxectos relacionados co seu labor creativo e vivencial.

Non faltaron as pinturas que lle dedicaron amigos como Lomarti,Bordell e Viki Rivadulla, e o seu fillo, Bruno. O escultor Matías Aguado achegou unha escultura inspirada no seu libro de relatos Carne de can. A mostra foi comisariada pola propia Rivadulla.

Lois Pérez apuntou que "a exposición é como era Isidro: libre, caótico, hedonista, comprometido coa lingua e a cultura, indepente e non subordinado a ningunha sigla".

A montaxe, Tocar as mans de Isidro Novo, formaba parte dunha xornada de homenaxe ao autor finado o pasado febreiro e organizada polo propio Pérez e máis por Antonio Reigosa.

A xornada rematou coas actuacións dos grupos Tundal e Minhotos, e da cantante Pilocha

Ambos os dous moderaron unha mesa redonda na que Reigosa falou sobre o vínculo do autor coa literatura oral, "un mundo que el descoñecía, pero ao que se entregou con entusiasmo" dende que empezou participar nas polafías que el organizaba. O papel de Isidro neses encontros que se producían en vilas de toda Galicia era "buscar poetas populares da comarca con relevancia, aínda que non tivesen nada publicado". Ocupábase de presentalos porque ás veces non eran coñecidos no seu lugar. A maiores, lía poemas de clásicos como Rosalía ou Cunqueiro.

"Nunca leu un poema seu", apunta Lois Pérez para remarcar a humildade do escritor lugués.

Antonio Reigosa rememora que a descuberta de Isidro Novo que máis o impresionou desvelouse "na última polafía nas Pontes, cando nos falou do poeta medieval García Rodríguez, que dá nome á vila". Inesperado foi tamén saber dun autor apelidado Cabana en Pontedeume. "Leu uns poemas inéditos", comenta antes de confesar que "era parente seu".

Ese traballo de procura facíano "chamando a asociacións culturais, falando con xente de alí", indicou.

Tanto Reigosa como o homenaxeado promoveron numerosas actividades relacionadas coas letras faladas, como revistas orais e xornadas sobre mitos e lendas. O organizador da xornada lembraba este sábado que "vía todo de color, nunca en branco e negro".

Como exemplo citou As Letras das Festas, que se propuxo para desenvolver "en pleno San Froilán, polo que parecía unha arroutada, pero consolidouse. Isidro implicouse e, ao rematar cada edición, xa estaba propoñendo temas para a seguinte".

QUIRÓFANO. Isidro Novo foi tamén lembrado por outros amigos. Darío Xohán Cabana adentrouse nun ámbito íntimo para revelar o acontecido cando foi operado a principio de ano no hospital da Coruña. Cabana comentou que, cando espertou da anestesia, atopou a Isidro na cama do lado.

Sobre a lendaria bonhomía do escritor lembrado este sábado, sinalou que sempre estivo ao lado dos amigos cando tiñan un problema.

No debate Xosé Henrique Rivadulla Corcón afastou o Isidro Novo escritor para atender ao Isidro Novo persoa.

Paco Martín comentou a relación de Novo coa cidade na que nacera en 1951 e na que morreu este ano. O tamén escritor fixo referencia ao amor do poeta polo idioma, que se plasmou en glosarios como Palabras con memoria, unha iniciativa que xestionou para a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Lois Pérez encargouse de ler un poema escritor polo exintegrante de Fuxan Os Ventos, Baldomero Iglesias, Mero, na memoria do escritor homenaxeado.

RETRATO. A xornada comezou con un "retrato robot" de Isidro Novo feito por Luis Calvo e seguiu con Xosé Ramón Freixeiro Mato falando sobre o autor "no ronsel das palabras fuxidías". Yago Rodríguez Yáñez efectuou un achegamento intimista ao autor. Marica Campo ocupouse de comentar a súa poesía.

A xornada rematou coas actuacións dos grupos Tundal e Minhotos, e da cantante Pilocha. A maiores, houbo un recital poético no que participaron, entre outros, Xoán Neira, David Otero, Xosé Lois García, Lois Diéguez, Toño Núñez e Alberte Momán.

Leron tamén as súas creacións Xoán Xosé Fernández Abella, Martiño Maseda, José Blázquez, Joaquín Carballido, María Xosé Lamas e Xosé Miranda.

Comentarios