Un libro, un concurso e a voz de Sabela para render homenaxe a Fraguas

Un volume percorre os fitos representativos da vida do autor ao que se dedica o Día das Letras Galegas

Sabela cantou na presentación do libro sobre Antonio Fraguas. CABALAR (EFE)
photo_camera Sabela cantou na presentación do libro sobre Antonio Fraguas. CABALAR (EFE)

A celebración das Letras Galegas, e do homenaxeado neste ano, suma actos e voces ás portas do día grande. Este mércores a Real Academia Galega (RAG) acolleu a presentación do libro Antonio Fraguas Fraguas. Estancias vitais dun mestre sabio, de María Xosé Fernández. Trátase dun percorrido cronolóxico polos fitos representativos da vida do autor. 

No acto, a cantante das Pontes Sabela interpretou temas baseados no traballo de recompilación de cantigas populares que fixo Fraguas.

O libro presentado recrea as estancias de Fraguas polas diferentes localidades galegas nas que residiu, desde Cotobade ata Santiago de Compostela, pasando por Pontevedra, A Estrada ou Lugo, segundo indicou María Xosé Fernández. O texto, escrito de "forma dinámica" e de maneira cronolóxica, busca explicar a evolución intelectual do autor que, segundo o presidente da RAG, Víctor Freixanes, "reivindicou as raíces dunha cultura" a través do seu compromiso con Galicia e co galego. 

Este mércores tamén tivo lugar a tradicional celebración das Letras Galegas pola Escola Galega de Administración Pública (Egap), un acto no que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o traballo do intelectual en defensa da cultura e da lingua galega. 

O evento contou coa actuación de Sonsoles Penadique e a función de contacontos de Verónica Rilo, ademais da xa tradicional entrega dos premios do concurso de literatura infantil e xuvenil da Egap.

Comentarios