viernes. 24.09.2021 |
El tiempo
viernes. 24.09.2021
El tiempo

Laxeiro, retratista do espírito galego

'Sen título'. Mixta/papel. 48 x 68 cm
O Museo Provincial de Lugo, a través do seu programa Acordanzas, lembra ao pintor José Otero Abeledo, Laxeiro, quen hoxe se cumplen 25 anos do seu pasamento

LAXEIRO É UN DOS máis coñecidos e recoñecidos pintores de Galicia e sen dúbida un autor esencial na arte galega do século XX. Un artista de longo percorrido e extensa produción, capaz de transitar con naturalidade da figuración á abstracción, da tradición ás propostas novas. De manter diversos rexistros expresivos e de singularizarse respecto a moitos dos artistas da súa época. É autor dunha densa obra arraigada na cultura e a historia de Galicia e moi comprometida co seu tempo. Incorporou ao seu traballo as formas artísticas e iconográficas do pasado, en particular a plástica medieval e as imaxes do barroco. Vémolo por exemplo nos seus cadros de figuras de formas escultóricas, redondeadas, pesadas, rotundas, bastas, cun tratamento pictórico que intencionadamente suxire a materia pétrea. Que por medio da pintura interpretan as esculturas en pedra do Románico galego, a "estética ou figuración granítica" que caracteriza gran parte da súa obra.

José era apenas un neno cando emigrou coa súa familia a Cuba. Na Habana asumiu tarefas variadas, algunhas vinculadas coa arte, e iniciou a súa formación artística regrada. Asiste a clases de debuxo e frecuenta exposicións. Participa no intenso ambiente cultural da cidade nos anos 20.

En 1925, aos 17 anos, regresa a Galicia, á aldea, e experimenta o impacto do reencontro co lugar e as súas xentes. Gáñase a vida como barbeiro. Como tal percorre a comarca, pero, en paralelo, debuxa incansablemente. Practica sobre todo o retrato. Toma de modelos ás xentes do campo. Estuda os trazos e as expresións de cada rostro. Afianza o seu debuxo e demostra a súa capacidade de penetrar na psicoloxía dos personaxes. Grazas ás pensións que recibe do Concello de Lalín e da Deputación de Pontevedra, trasládase a Madrid en 1931 para ingresar na Escola de Belas Artes de San Fernando. Na capital establece relación con significados intelectuais, escritores e artistas e visita con frecuencia o Museo do Prado, onde atopa importantes referencias artísticas, Velázquez, Goya, Rembrandt..., que serán moi evidentes na súa obra.

Tras a estancia madrileña instálase de novo en Lalín onde organiza un taller. A súa actividade artística solitaria compleméntase coa asistencia a reunións e faladoiros en Santiago, Vigo e Pontevedra nos que comparte inquietudes con outros artistas e destacados galeguistas. Desde un principio, a obra de Laxeiro está ligada ao popular e profundamente enraizada na arte e a cultura de Galicia, e estas características esenciais manteranse ao longo de toda a súa traxectoria e en todas as etapas. As súas primeiras obras caracterízanse polo predominio de cores terras, ocres e negros e o gusto polas texturas e as rugosidades, por evidenciar a materia. Son pinturas relativamente escuras e pouco contrastadas.

Nos anos 40 o pintor vincúlase coa cidade de Vigo. Nestes anos maniféstase como creador dun singular mundo de fantasía no que conflúen soños, mitos, bruxas e esperpentos, no que proliferan as máscaras e os monicreques para dar saída á súa desbordante imaxinación. A esta etapa pertence a obra "Trasmundo", de 1946, un gran cadro que condensa e escenifica o seu fértil imaxinario e as súas principais referencias artísticas e culturais. Unha obra elixida precisamente polo Museo Centro de Arte Reina Sofía para incluír no novo proxecto expositivo da recente reorganización das súas coleccións e que protagoniza unha das súas salas grazas á cesión temporal do cadro por parte da Fundación Laxeiro e o Concello de Vigo.

A comezos dos 50 o pintor trasládase a Arxentina e permanecerá alí uns vinte anos. Unha permanencia que producirá importantes transformacións na súa pintura. Bos Aires, que entón era unha cidade culturalmente moi activa e inquieta no ámbito da arte, facilita que Laxeiro entre en relación co informalismo, que chegaba de Europa, e o expresionismo, que o facía desde Estados Unidos. A súa obra acusa as novas correntes. O pintor intensifica o uso do negro, os trazos grosos, o xesto enérxico, case automático e a descomposición das figuras.

Durante o longo período en Arxentina, participou ademais nuns momentos de gran dinamismo editorial, que lle levaron a desenvolver unha intensa tarefa como ilustrador de libros. Os seus debuxos están en portadas e interiores de publicacións de emblemáticas editoriais como Follas Novas, Botella ao Mar, Galaxia, Os Piñeiros, Losada...

Nos anos 60 gran parte da súa produción está protagonizada por unha abstracción que evoca as vidreiras medievais. Manchas de cor bordeadas de trazos negros que suxiren a técnica das vidreiras. Un concepto desde o que o artista evoluciona cara a propostas de debuxo caracterizadas polo trazo negro groso, solto, aparentemente espontáneo, case improvisado, executado con destreza e sen aparente esforzo. Con todo, mantén os espazos cubertos de figuras, sen baleiros, coas formas apiñadas ou sobrepostas propias das súas composicións.

En 1972, en plena madurez pictórica, o pintor regresa definitivamente a España e organiza a súa vida entre Galicia e Madrid. Nesta época a súa obra afástase do cromatismo "terroso" e escuro para insistir en elaborar obras con cores vivas, luminosas, azuis, vermellos, amarelos. A miúdo utiliza tintas planas e deseña pictogramas que evocan debuxos infantís. O branco e o negro participan das composicións. As pegadas de Matisse, Klee e Miró están moi presentes nos seus traballos.

Nas décadas seguintes dalgunha maneira recupera e fusiona todas as súas etapas. Combina a figuración de liñas orgánicas coa abstracción de trazos enérxicos e as súas creacións dos últimos anos acusan un maior lirismo e ata certa inxenuidade. En toda a produción de Laxeiro os retratos e os autorretratos son unha constante, de maneira que os vai levando e adaptando a cada linguaxe. Son unha necesidade do artista para indagar no coñecemento do ser humano. Tamén prevalecen os espidos e as maternidades, que en ocasións lembran a representación feminina e a plasticidade do neolítico e que consideran a figura da muller en relación coa fecundidade e o matriarcado.

Tanto na obra figurativa como nas abstraccións, xa sexa no campo do expresionismo ou do informalismo, transcende a importancia que ten para o artista o debuxo, o trazo e as súas modulacións sobre o lenzo ou o papel. Un debuxo de liñas orgánicas que estende ou difumina cando lle interesa para conseguir os volumes e obter as formas redondeadas, tan comúns nos seus traballos.

Ademais da actividade propia de pintor, Laxeiro foi gravador, muralista, deseñador e ilustrador de libros, como xa sinalamos, e mantivo colaboracións esporádicas con viñetas en prensa e revistas (Faro de Vigo, Céltiga...).

En 1999 constituíuse a fundación Laxeiro con sede en Vigo. Na actualidade está rexida por un padroado ao que pertencen distintas institucións, entre elas o concello vigués e a familia do pintor. A fundación conserva unha colección permanente do artista e ocúpase tanto do estudo e a difusión das obras como de apoiar á arte contemporánea en xeral a través de actividades variadas, publicacións, bolsas e premios.

A Real Academia Galega de Belas Artes acordou dedicar o Día das Artes Galegas 2022 ao pintor José Otero Abeledo, Laxeiro. A conmemoración celébrase o 1 de abril pero está previsto organizar actividades de consideración e a homenaxe en torno ao pintor e a súa obra ao longo de todo o próximo ano.

Catro obras para coñecer a Laxeiro

O Museo Provincial conta con catro debuxos sobre papel que tratan de maternidade, relixión e contos populares

Laxeiro está escasamente representado no Museo Provincial de Lugo. Con todo, desde 1980 o centro conserva catro obras do autor que foron adquiridas nese ano á Galería Citania de Santiago de Compostela. Trátase de catro debuxos sobre papel executados con distintas técnicas que nos aproximan ao seu singular mundo creativo e permítennos apreciar algunhas das súas principais características.

As catro obras están asinadas pero só nunha delas aparece o ano de realización. En todo caso, as catro son pezas de madurez, e podemos considerar que pertencen probablemente aos seus traballos de finais dos anos 60 e a década dos 70. En canto aos temas, dous dos debuxos dan mostra de dúas constantes na obra de Laxeiro, o retrato e a maternidade. En Cabeza de neno aínda pervive o artista máis tradicional e preocupado pola representación, pero que manexa con soltura a liña e a mancha, as sombras e as luces, para insinuar as faccións, sen definilas, e dar volume ao rostro. En Maternidade o debuxo é máis esquemático, "picassiano", potenciado polo uso da tinta negra, un medio que utilizaría con frecuencia e co que séntese moi cómodo. A fluidez da tinta permítelle unha execución rápida, manexar con soltura o pincel e combinar as liñas de distintos grosores e as manchas opacas, de negro profundo, coas gamas de grises augados.

Nos debuxos, como nas pinturas, afai cubrir a maior parte da superficie, neste caso do papel. Ás veces adoita valerse tan só do trazo gestual para encher os ocos. Pero tamén sabe xestionar os baleiros, respectar as zonas que deixan á vista o branco do papel. Nun dos debuxos, a obra Sen título utiliza principalmente a técnica do pastel e entra en relación directa coa pintura, tanto pola aplicación da cor como pola disposición do grupo de figuras deformes, grotescas, apiñadas, común en boa parte das súas composicións pictóricas. Unha maraña de liñas orgánicas que conectan cos seus cadros expresionistas, aqueles nos que despregou un particular imaxinario de lendas, mitos e ritos, contos populares, contos de cegos; festexos e celebracións, romarías e entroidos que manexou cunha linguaxe renovadora.

Dos catro, o debuxo titulado Cristo é seguramente o que se atopa máis ao límite entre a figuración e a abstracción. Esta peza de pequeno formato, que entronca co tema relixioso, outra das preocupacións do pintor, proporciónanos unha mostra clara da capacidade do artista para articular ambos rexistros e é o deseño que mellor poderiamos relacionar co informalismo, que tanta influencia tivo na evolución da obra de Laxeiro. A obra está asinada e datada en 1978. Os debuxos de Laxeiro do Museo Provincial son significativos e orientativos de parte da súa produción e evidencian unha personalidade creativa extraordinaria, versátil e intuitiva. Non permiten valorar a magnitude do pintor, pero convidan a profundar no personaxe e a súa obra.

Cabeza de neno. Lápis graso/papel. 24x18

Maternidade. Tinta / papel. 100 x 70
Cristo. 1978. Tinta/papel. 18 x 25 cm

 

Laxeiro, retratista do espírito galego
comentarios