Os latexos de Fiz soaron xunto coa gaita de Seivane na terra dos seus avós

A gaiteira presentou este xoves o seu último disco, 'Fa', no Círculo de las Artes de Lugo

Susana Seivane, no Círculo de las Artes. J.VÁZQUEZ
photo_camera Susana Seivane, no Círculo de las Artes. J.VÁZQUEZ

Susana Seivane puxo a gaita, a voz e a pandeireta. Fiz puxo o later do seu corazón cando aínda estaba dentro da gaiteira. Antón aportou os seus choros ao chegar ao mundo. Esta amalgama de sons está en Sabendo miradas, un dos temas do último disco de Seivane, Fa, que presentou onte no Círculo de las Artes de Lugo.

O concerto, enmarcado no ciclo Lubicán, foi un repaso cronolóxico aos embarazos da gaiteira. A emoción e o amor, así como a dor e as súplicas por unha epidural, convertéronse en música coas creacións de Seivane.

Fa é o primeiro traballo que a artista fai integramente con temas de composición propia. É a súa creación máis persoal.

No fol colle O primeiro baile que botou con Fiz, que foi un bolero; o roncón sabe dar conta da enerxía desbordante de Antón Revolución; as hormonas axitadas da gaiteira cálmanse con Momentos, e as mans de Seivane amarran o acordeón para mandarlle unha mensaxe de amor e fandango á súa familia materna de Jaén en Al compás de los olivos.

Comentarios